Os alumnos de Valmiemprega II mostran os encantos de Baiona aos estudantes de Pornic

Os alumnos da especialidade de “Promoción turística local e información ao visitante” do Obradoiro de Emprego Valmiemprega II, promovido polos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán, realizaron o día de hoxe unha visita guiada cos alumnos procedentes da localidade francesa de Pornic que están de intercambio co IES Primeiro de Marzo de Baiona.

O percorrido realizado comezou ás portas da Fortaleza de Monterreal, concretamente na Porta do Sol, onde se lles deu una explicación para introducilos na historia da fortificación amurallada. A seguinte parada do itinerario se realizou aos pés da Torre de Reloxo e a continuación no Baluarte da Concheira, dende onde se divisa unha fermosa panorámica da Vila. Continúa o percorrido parando na Porta dos Frades ou Porta do Pozo, e seguidamente unha importante parada na Batería de Santiago, aos pés da Torre do Príncipe, onde aparte das explicacións históricas o grupo recibiu información interpretativa da paisaxe da baía, das Illas Cíes, Illas Estelas e outras curiosidades sobre a panorámica.

A xornada transcorreu cunha visita ao Parador Conde de Gondomar, da man do xefe de recepción, quen os acompañou a través de diferentes estancias do recinto hoteleiro. Para finalizar, outra breve parada á altura da Torre da Tenaza, dende onde se pode observar unha das mellores panorámicas da baía e das infraestruturas portuarias da Vila.

Despediuse ao grupo no Parque da Palma, onde amosaron unha grande satisfacción e agradecemento pola iniciativa e polo servizo prestado.