Anuncios
Ticker de novas

José Cuevas: “O goberno non consensuou os orzamentos con Nigrán Decide”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, quere manifestar que o goberno “non consensuou os orzamentos de Nigrán; só incorporou, de xeito parcial e insuficiente, algunhas das achegas feitas polo noso grupo municipal”.

Entre as achegas de Nigrán Decide non incluídas está unha emenda presentada en xaneiro ás bases de execución orzamentaria do borrador dos orzamentos do Concello de Nigrán do ano 2018 para suplementar o salario do persoal do Concello que cobra o salario mínimo. “Nigrán Decide considera que o Salario Mínimo Interprofesional non é adecuado para ningún posto de traballo, polo que na emenda que presentamos establecíase que en ningún caso o persoal do Concello poida cobrar menos de 13.863,78 euros anuais con xornada completa, o que supón algo menos de 1.000 euros mensuais. Con esta medida, no Concello de Nigrán cumpriríase a Carta Social Europea, que establece que o salario mínimo non debería ser inferior ao 60% do salario mínimo. Nigrán Decide volverá presentar formalmente esta emenda no pleno deste xoves”, finaliza Cuevas.

Para Nigrán Decide, un dos dereitos fundamentais da veciñanza de Nigrán é o da educación, que para o grupo municipal debería ser gratuíta. Como consecuencia diso presentaron diversas emendas en xaneiro como a da inclusión de axudas ao transporte no ensino para os estudantes que teñen que desprazarse fóra de Nigrán para realizar os seus estudos, por non existir estes en Nigrán, partida que foi incluída no orzamento polo goberno municipal.

Outra emenda estaba orientada ás becas de libros escolares, pois actualmente o goberno de Nigrán unicamente dá becas para os libros no ensino infantil, non abarcando a outros niveis de ensino. “Esta achega do noso grupo foi considerada polo goberno, aínda que consideramos que de forma insuficiente, polo que para o pleno deste xoves presentamos unha emenda para ampliar as becas por libros escolares a outros niveis educativos, incrementando en 10 mil euros, quedando en 20 mil euros”.

A última emenda que presentou Nigrán Decide é a creación dunha partida nos orzamentos dedicada a becas para inmersión lingüística de 110 mil euros; “pois, se ben somos coñecedores da realización de intercambios por parte de centros educativos do noso concello, consideramos que estas actividades deberían complementarse cun programa de becas de inmersión lingüística mediante a subvención de cursos e estadías noutros países”.

Anuncios