Investigan a un mozo de Nigrán por acceder ilegalmente á conta de correo dunha compañeira de colexio

A Garda Civil investiga penalmente a un mozo de 17 anos, veciño de Nigrán, como suposto autor dun delito de descubrimento e revelación de segredos. Acúsaselle de acceder á conta de correo electrónico dunha compañeira de colexio sen a súa autorización.

Os feitos, que foron investigados por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán, foron denunciados polos pais dunha alumna do centro ao decatarse de que lle cambiaban as fotografías que tiña no perfil da súa conta de correo.

As investigacións realizadas, que contaron en todo momento coa colaboración da dirección do colexio, determinaron que os feitos puideron suceder na aula de informática do centro cando un alumno, ao utilizar o computador que habitualmente tiña asignado, atópase coa conta dun correo electrónico aberta, que pertencía a unha alumna que o estaba utilizando anteriormente.

As pescudas concluíron coa identificación deste mozo que foi citado e notificado en presenza dos seus pais como investigado pola comisión dun presunto delito de descubrimento e revelación de segredos, ao comprobar que non só accedera á conta de correo sen autorización do seu titular, senón que tamén lle cambiaba as fotografías que tiña no perfil e substituíullas por outras de carácter pornográfico, con comentarios obscenos e inxuriosos.

As dilixencias instruídas remitíronse á Fiscalía de Menores, que entende do caso.