Marcando Pasos leva 6 primeiros premios, 7 segundos e 1 terceiro na primeira fase de Anaprode

FOTO: MARCANDO PASOS // Marcando Pasos en Valladolid.

Marcando Pasos, formada por bailarinas do CD Baixo Miño e da escola de Nigrán, viaxou este fin de semana a Valladolid para participar con 14 coreografías na primeira fase do prestixioso concurso nacional de danza Anaprode 2018. O evento celebrouse os días 17 e 18 de marzo no Auditorio da Feira.

Despois dun fin de semana de moito baile, nervios, cansazo, pero sobre todo moita ilusión, recolleron 6 primeiros premios, 7 segundos e 1 terceiro. As coreografías que se clasificaron co primeiro posto teñen dereito a participar na fase final que se celebrará a primeiros do mes de maio en Tarragona.

O grupo de maiores presentaba tres coreografías, conseguindo un primeiro premio con “Dime si me queres”, un segundo con “Bebés y niñeras” e un terceiro con “Circo”. Ademais do segundo posto de Alba Rodríguez Videira no seu só, a sorpresa dérona o grupo de medianas que conseguiron dous primeiros premios con “Murciélagos” e “Partido” e un segundo con “Get dumb”.

O trío coa coreografía “Payasos” (Ilenia, África e Paula Conde) fíxose co primeiro premio, e as compañeiras de Nigrán Saray e Noa, conseguiron un primeiro premio moi aplaudido con “Alicia”. O grupo de medianas de Nigrán tamén conseguiu un primeiro posto clasificándose tamén para a fase final.

Desde o CD Baixo Miño felicitan a todas as nenas polo seu traballo e esforzo, aos pais e nais pola súa axuda e sobre todo á profesora Nuria Castro polo seu fantástico traballo. Agora toca a seguir traballando para a fase final en Tarragona.