Anuncios
Ticker de novas

Baiona prepárase para o Campionato de España de J80

FOTO: LALO R. VILLAR // Os campións españois de J80 decídense este ano en Baiona.

A Federación Española de Vela escolleu este ano ao Monte Real Club de Yates para organizar o Campionato de España da clase J80, que se celebrará en Baiona do 27 de abril ao 1 de maio. A competición estará enmarcada no Trofeo Repsol, a tradicional regata de primavera que o club baionés organiza desde fai xa máis de 40 anos.

Coa colaboración da Federación Galega de Vela e a Asociación de Propietarios de J80 de España, o Monte Real celebrará un campionato no que se espera a participación dun gran número de monotipos chegados de toda a península, incluídos os J80 que na actualidade existen en Galicia, a maioría deles do propio club baionés e do Real Club Náutico da Coruña.

Aínda que a competición está aberta tamén a tripulacións estranxeiras, só poderán optar ao título de Campión de España aquelas cuxos integrantes teñan, na súa totalidade, a nacionalidade española ou residencia legal en España.

Tras unha xornada previa, o venres 27 de abril, reservada para o rexistro e pesada das tripulacións, e medición e control de velas; as probas programadas, un total de 11, comezarán a disputarse o sábado 28 de abril a partir das 3 da tarde. Terán como escenario a baía de Baiona, polo que serán visibles desde os arredores da localidade galega.

As mangas do domingo 29, o luns 30 e do festivo do 1 de maio empezarán xa pola mañá, a partir das 11. E o último día, pola tarde, o Monte Real Club de Yates acollerá a entrega de premios aos gañadores, coincidindo tamén co final do Trofeo Repsol e a entrega de galardóns do mesmo.

O prazo de inscrición para participar no Campionato de España de J80 permanecerá aberto ata o 12 de abril, e toda a información sobre a competición está dispoñible na web do Monte Real, www.mrcyb.es.

Anuncios