O Val Miñor sae á rúa para reclamar unhas pensións dignas

Convocadas polo Movemento pola Defensa das Pensións do Val Miñor e a Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións, decenas de persoas concentráronse este sábado xunto a Capela de San Campio na Ramallosa para reclamar unhas pensións dignas e contra as pensións de miseria e a subida do 0,25%. Modepen Val Miñor convoca unha Asemblea o próximo venres 23 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Nigrán, para tratar futuras accións.

“Outra vez estamos os pensionistas, actuais e futuros, enchendo de dignidade as rúas e prazas de España. Estamos en 153 cidades e vilas do Estado reivindicando unhas pensións que nos permitan vivir dignamente a última etapa da nosa vida”. Con estas palabras comezou o manifesto lido durante a concentración.

Para Modepen, trátase dun brutal ataque que está a sufrir o estado do benestar por parte do insaciable poder financeiro, que se quere apoderar de todo canto ben público desfrutamos: educación, sanidade e pensións, piares básicos dunha sociedade máis xusta e igualitaria que o salvaxe e criminal sistema capitalista quere arrasar. “Un sistema capaz de cometer as máis flagrantes inxustizas con tal de acumular riqueza a mans cheas, sen importarlles para conseguilo o sufrimento que provoca á maioría social. Todo isto executado de maneira entusiasta por unha caterva de políticos ansiosos de cruzar as portas xiratorias que os seus poderosos amos lles ofrecen como pago polos servizos prestados”.

“As reformas lexislativas do 2011 e 2013, -continúa o manifesto- que foron aprobadas co único e exclusivo fin de liquidar o Sistema Público de Pensións, son mostra clara de canto vimos afirmando. É evidente que este deterioro do sistema público de pensións, programado pola banca e aseguradoras, ten un obxectivo: favorecer os plans de pensións privados”.

O manifesto criticou ademais “a vergoñenta intervención de M. Rajoy no debate sobre as pensións do día 14, dicindo que non hai diñeiro para poder subir máis do 0,25, mostra unha vez máis do desprezo deste goberno para coas persoas pensionistas. Sr. M. Rajoy, podemos ser maiores, pero sabemos sumar. Vde. é mesquiño cos pensionistas, pero moi xeneroso cos seus amigos”.

“Mentres que a suba das pensións segundo o IPC suporía para este ano uns 1.600 millóns de euros, que Vde. di que non hai, aparecen 1.350 millóns para o proxecto Kastor de Florentino Pérez; 2.700 millóns para a OTAN e 6.500 millóns para o rescate das autopistas”.

“Mentres o goberno despilfarra a mans cheas os cartos que son de todos, ignora que o 80% dos pensionistas teñen que estar axudando coas súas exiguas pensións aos seus fillos e netos para que poidan sobrevivir”.

“Non nos vai contentar nin sacarnos da rúa cunha rebaixa do IRPF ou unha suba da pensión pola proximidade dun ano electoral. Non Sr. Rajoy, seguiremos manifestándonos ata conseguir que se derroguen as leis do 2011 e 2013, que se inclúa nos Presupostos Xerais do Estado a partida necesaria para facer fronte a posibles déficits do sistema e reembolsar o subtraído da hucha das pensións. Esiximos a xubilación aos 65 anos e a eliminación da brecha de xénero, entre outros puntos que están na nosa táboa reivindicativa”.

“Todas e todos sabemos que as conquistas sociais de clase traballadora conseguíronse despois de longas e a veces dolorosas loitas. Sabemos que esta vai ser unha longa loita. Pero para elo, estaremos na rúa hoxe e os días que fagan falta. Non ao 0,25!!”, concluía o manifesto.