Castro e Ladeira lanza o seu novo proxecto “Non te quedes só”

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís traballa xa nunha nova idea: “Non te quedes só”. Dito proxecto, destinado á terceira idade, servirá para paliar a soidade dos veciños da parroquia. “Non é ningún descubrimento dicir que a sociedade na que vivimos é cada vez máis vella, e que moitos deses anciáns pasan moito tempo sós. Por este motivo puxémonos a traballar nisto”, afirma Martín Otero, presidente do colectivo.

A intención da Asociación é que isto dea comezo a primeiros do mes que vén, abril. “Todos aqueles interesados pódense poñer en contacto con nós, ou ben pasar polo local da nosa entidade, alí darémoslle máis datos e resolveremos calquera dúbida”, declara Martín.

Por último, o presidente sinalou que “imos comezar con xogos e algunha charla, pero estamos un pouco abertos a todo, penso que iremos engadindo máis cousas segundo a demanda e/ou necesidades dos presentes”.

A actividade terá lugar no Edificio dos Mestres de Sabarís, local da Asociación, todos os mércores as 5 da tarde.

Anuncios