Anuncios
Ticker de novas

As rúas de Gondomar énchense de cor para celebrar o Corpus

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // A alfombra confeccionada polo CPA Gondomar.

Gondomar volveu ser fiel a unha das súas tradicións máis arraigadas, a celebración do Corpus Christi, amencendo este domingo cuberta de alfombras florais confeccionadas durante toda a noite polos propios veciños.

Motivos xeométricos, florais, infantís, relixiosos… a realización dos tapices florais en Gondomar conta cunha tradición de antigüidade semellante á doutros concellos da contorna. Con todo, o Corpus Christi da vila condal presenta unha particularidade que a diferenza. Trátase da alfombra da escalinata de San Bieito, un tapiz floral que cobre os 40 chanzos que a compoñen.

Procesión ata o Concello

A procesión comezou ás 13:30 horas desde a Igrexa de San Bieito, despois da Solemne Misa de Corpus Christi, na que se celebraron as tradicionais comuñóns.

A comitiva partiu da escalinata de San Bieito acompañada pola Agrupación Musical de Vincios, e percorreu a Alameda, as rúas Eduardo Iglesias e Ángel Urzáiz para deterse no Concello. Ao regreso á Igrexa de San Bieito discorreu por Párroco Mariño.

Semanas de traballo e participación veciñal

Desde hai un mes, os veciños recolleron as flores e comezaron os preparativos dos deseños. Grazas ao esmerado traballo das diferentes agrupacións de Gondomar -CPA Gondomar, Asociación Cultural San Vicente de Mañufe, Asociación de Veciños “O Galiñeiro” de Vincios, agrupacións veciñais de Gondomar e a Comisión de Festas de Vincios-, que colaboran coa Concellería de Cultura na confección e deseño das alfombras florais e na ambientación musical do evento, un ano máis, conseguiron que o Domingo de Corpus Gondomar espertase coas rúas cheas de cor e cheirando a primavera.

Tras duras semanas de traballo, a xornada do sábado poñía punto e final a todos eses preparativos e daba comezo a verdadeira confección dos mantos. Desde a tarde, e ata ben entrada a madrugada, centos de veciños déronse cita para poñerse ao choio e trasladar ás rúas do municipio os deseños dos tapices.

Centos de veciños e visitantes achegáronse durante toda a mañá a Gondomar para visitar as rúas do centro urbano e contemplar as alfombras en todo o seu esplendor antes da procesión.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios