
O portavoz do partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia o cobro indebido por parte do Concello de Nigrán nas liquidacións practicadas como consecuencia das autorizacións de enganche á rede xeral de abastecemento de auga e de rede de sumidoiros, incumprindo o establecido no artigo 5 cota tributaria, da “Ordenanza Fiscal reguladora da Taxa pola prestación do servizo e subministración de auga potable, rede de sumidoiros e saneamento, depuración de augas residuais”, publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) número 248 do 28/12/2015 e actualmente en vigor.
UCN advirte que a tarifa da citada Ordenanza Fiscal establece o cobro das taxas de conexión á rede xeral de abastecemento de auga e de rede de sumidoiros, a razón de 1€ m/2 e en función da superficie construída en cada inmoble destinado a vivenda, pero con todo, o Concello non o respecta e cobra aos veciños tamén por beirarrúas, aparcadoiro, almacén ou mesmo galiñeiros que poidan existir na parcela, “tomando de forma errónea os datos do catastro e practicando liquidacións sen amparo legal, polo que nos atopamos -non só ante un claro afán recadatorio- senón tamén ao cobro dunha exacción ilegal”.
Fernández Comesaña lembra que xa preguntou no pasado pleno de febreiro ao alcalde Juan Gonzalez as razóns polas que vén cobrando aos veciños cantidades superiores ás permitidas na Ordenanza Fiscal, cobrando por conceptos distintos aos de vivenda para os que se autoriza o enganche de auga e rede de sumidoiros, sen que ata a data teña contestación algunha.
“Dado que sospeitamos puidese tratarse dunha práctica habitual e de confirmarse, podería resultar que os contribuíntes estean a pagar cantidades superiores ás legalmente establecidas, co grave prexuízo que puidese ocasionar aos veciños afectados, polo que pediremos ábrase unha investigación a fondo para determinar o alcance e posibles prexudicados, e de confirmarse, procédase á inmediata devolución de oficio aos afectados”, conclúe o portavoz independente.