O Pavillón Municipal dos Deportes da cidade de Pontevedra acolle este sábado 17 de marzo os Campionatos de España de Loitas Olímpicas nas categorías escolar e cadete. David González, Anxo Uzal e Cristian Suárez, integrantes do Club de Loita Sabarís, formarán parte da Selección Galega Libre Olímpica Cadete.
Os tres loitadores miñoráns dirixidos por Juan López acoden ao nacional tras proclamarse campións galegos o pasado 27 de febreiro no Pavillón Municipal de Santa Isabel en Santiago de Compostela, onde cada un deles conseguiu dúas medallas de ouro, unha en Loita Libre Olímpica e a segunda en Loita Grecorromana. David competirá na modalidade de 48 kg, Anxo en 60 kg e Cristian en 71 kg.
Os Campionatos de España 2018 teñen un total de 175 inscricións de Deporte en Idade Escolar, como competición dependente do Consello Superior de Deportes, e de 200 inscricións na categoría cadete. En total son 17 comunidades autónomas e 2 cidades autónomas as que se darán cita no nacional de Pontevedra, quedando a competición do grupo de idade Cadete de 9:30 a 13:30 horas, e a da categoría Escolar de 14:30 a 19:00 horas. A competición desenvolverase en 4 tapices oficiais de Loitas Olímpicas, de 12 x 12 metros.
A Selección Galega de Loitas Olímpicas aspira a estar no podio nacional nas 6 competicións que se van a celebrar, xa que Galicia é un referente neste deporte, sendo ademais a comunidade con máis representación, acudindo con 42 deportistas inscritos, 7 seleccionadores, 3 delegados e 6 árbitros.

