Sin categoría

Angulo estréase co Club Ciclista Rías Baixas en Zamora

A Copa de España tómase un respiro e a atención no calendario Elite e Sub23 centrarase este fin de semana en Zamora. Alí dispútase unha dobre cita á que o Club Ciclista Rías Baixas acode con toda a súa artillería. O sábado participará no Trofeo Concello de Zamora e o domingo no Trofeo Iberdrola, unha carreira na que Antonio ‘Chava’ Angulo debutará defendendo as cores da entidade presidida por José Luis Chamorro.

Outros dous corredores procedentes do campo profesional, Francesc Zurita e David Gutiérrez, disputarán ambas as dúas probas. Tanto o catalán como o cántabro están a demostrar a calidade que atesouran no seu regreso ao campo amateur. Zurita xa inaugurou a súa conta de vitorias ao impoñerse na xeral final do Memorial Manuel Sanroma e David Galarreta situouse entre os 20 mellores da Copa de España.

Na 37ª edición do Trofeo Concello Zamora liderarán un bloque que completan Óscar Justo, Iván Arribas, Jorge González, Adrián Escobar e Rafael Pereira. Os 90 quilómetros de percorrido, con inicio e final na capital da provincia, caracterízanse polo seu perfil chairo, con dúas cotas puntuables (km 48 e 59), e o seu desenlace afai ser ao sprint. O bandeirazo de saída darase ás 15:55 e a chegada está prevista ás 18:15.

A esixencia aumentará o domingo no 71º Trofeo Iberdrola con seis ascensións puntuables, entre elas tres subidas ao Poboado do Esla que tamén será meta no último paso. Un selectivo trazado que supón o primeiro reto de ‘Chava’ Angulo co Club Ciclista Rías Baixas. O corredor cántabro uniuse nas últimas semanas á disciplina miñorán procedente do conxunto profesional portugués LA Alumínios-Metalusa-Blackjack.

O vencedor da Copa de España no 2015 e no 2016 compartirá aliñación na súa estrea con Zurita e Galarreta. Os outros catro elixidos polo director deportivo Iván Rodríguez para aspirar ao máximo nesta prestixiosa clásica, que arrancará ás 15:30 horas, son os escaladores Cristian Cuervo, Jaume Bonnin, Ignacio Zamanillo e Antonio Barbero.