Anuncios
Ticker de novas

Tres retos e un obxectivo, dar visibilidade á Síndrome de Usher

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Daniel correndo por Praia América.

Tras completar no 2016 tres retos deportivos solidarios pola diabetes e o pasado ano outros tantos polo alzhéimer, o mozo gondomareño Daniel Fernández dedicará nesta ocasión o seu “Reta 3” á Síndrome de Usher, considerada unha enfermidade rara que afecta a varias persoas, algunhas delas no Val Miñor, co obxectivo de darlle visibilidade.

“Eu coñecina a través do caso dunha nena que vive aquí no Val Miñor”, sinala Daniel. “Hai uns meses vi no xornal unha noticia acerca dunha loitadora de 5 anos que padecía esta enfermidade, enseguida deime conta de que ese sorriso vírao antes no centro de lecer infantil onde traballo. Coincidín máis días con ela e deime conta de que a pesar das adversidades que se lle poden presentar ela pode con todo e nunca se vai a render”.

O primeiro reto que afrontará pola Síndrome de Usher será completar 7 maratóns en 7 días consecutivos entre o 2 e o 8 de abril. ”Cada día correrei por un concello dando voltas a un circuíto de entre 2 e 6 km cada volta. Finalmente o día 8 de abril correrei 21’1 km cara á avenida de Samil en Vigo e unha vez alí unireime á carreira media maratón Vig- Bay e correrei os últimos 21’1 km deste reto. Teño que agradecer enormemente á organización da Vig- Bay por axudarme a difundir esta causa e por cederme un dorsal para correla”.

Os diferentes concellos polos que correrá serán Pontevedra (Illa das Esculturas), A Guarda (zona do porto), Vigo (Parque de Castrelos), Nigrán (Praia América), Baiona (zona da Praia Ladeira) e Gondomar (zona do Parque da Coelleira e arredores), para finalizar o domingo 8 de abril cun percorrido entre Gondomar e Samil para tomar a saída da Vig- Bay. “Se queredes acompañarme algúns km nalgunha destas maratóns estades convidados”, lembra Daniel.

“Durante estes retos chorarei de dor, sufrirei, pensarei en renderme pero tamén gozarei e dedicarei un sorriso a todos os que vos unades ao reto. Imos poñer o noso gran de area e conseguir que a Síndrome de Usher sexa máis visible” conclúe o mozo de Gondomar.

Anuncios