Anuncios
Ticker de novas

O XII Torneo de Minibasket de Baiona reunirá a preto de 400 xogadores de 32 equipos

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación do XII Torneo Internacional de Minibasket de Baiona.

O Salón de Plenos de Baiona acolleu este mediodía a presentación do XII Torneo Internacional de Minibasket, que organiza o Club Baloncesto Baiona, conxuntamente co Concello, os próximos días 23, 24 e 25 de marzo. Durante o acto levouse a cabo tamén o sorteo de grupos.

Nesta décimo segunda edición participan un total de 32 equipos, 16 en categoría masculina e 16 en categoría feminina. Os participantes, de categoría alevín, vivirán tres días de convivencia a través do baloncesto, nos que se tenta fomentar a tolerancia e reforzar habilidades para relacionarse cos demais, cooperar e afrontar os conflitos de maneira positiva, entre outros.

Na categoría masculina os equipos participantes son o CB Tui, Estudiantes de Pontevedra, CB Novobasket (Vigo), CB Salesianos (Vigo), CB Porriño, CD Defensores (Cangas), Compañía de María (Santiago), CB Mafra (Portugal), CB Allariz, Estudiantes de Lugo, CB Seis do Nadal (Vigo), Costa Ártabra (Ferrol), CB Montrove (Lugo), CB Depordima (Ourense), CB Marín e CB Baiona.

Na categoría feminina serán o CB Arxil (Pontevedra), Celta Zorka (Vigo), CB Baiona, CB Salesianos (Vigo), CB Porriño, CB Defensores (Cangas), Carmelitas Ourense, CB Mariano (Vigo), CB Allariz, Estudiantes de Lugo, CB Seis do Nadal (Vigo), Costa Ártabra A (Ferrol), Costa Ártabra B (Ferrol), CB Valladolid, Baloncesto Base Valladolid e Universitario Ferrol.

O venres 23 disputarase o torneo de tiros por parellas a partir das 18:00 horas e xa o sábado 24 terá lugar a fase de grupos de 9:00 a 21:00 horas, na que se clasificarán os dous primeiros. O domingo 25 os eliminados xogarán entre eles e os equipos finalistas disputarán os play-offs de eliminación directa desde as 9:00 ata as 15:00 horas. A final masculina será ás 17:00 horas e a feminina ás 18:00 horas. Ás 19:00 horas terá lugar a entrega de premios e a clausura do torneo.

Tal e como sinalou David Castiñeiras, director deportivo do Club Baloncesto Baiona, é actualmente un dos torneos máis importantes do noroeste peninsular tras consolidarse en once edicións anteriores. Ademais, Castiñeiras agradeceu a colaboración do Concello de Baiona xa que o torneo vai enriquecer con visitas dos equipos por diferentes lugares e monumentos do municipio, como a Carabela Pinta ou o Parador Conde de Gondomar, entre outros.

O Alcalde, Ángel Rodal, destacou a importancia do evento para o municipio. “Este torneo é moi importante no deportivo de Baiona, pero tamén o é a nivel turístico e económico. Os xogadores veñen acompañados polas súas familias, que pasan todo o fin de semana na vila, enchendo hoteis e restaurantes. Tamén é unha iniciativa acollida con gran entusiasmo polos comerciantes baioneses”.

Durante os tres días de celebración disputaranse un total de 74 partidos entre os 32 equipos participantes, que moven a uns 384 xogadores e máis de 64 adestradores. A estes hai que engadir os seus familiares e acompañantes ademais dos 15 árbitros oficiais de mesa. Na organización do campionato participan máis de 50 voluntarios.

Anuncios