Anuncios
Ticker de novas

A OMIX de Baiona informa sobre os campamentos de verán da Deputación

O Concello de Baiona informa de que está aberto o prazo de inscrición para os campamentos do ano 2018 organizados pola Deputación de Pontevedra.

CAMPAMENTOS A LANZADA

Os campamentos de verán no Centro de Vacacións da Lanzada son un proxecto lúdico e educativo que inclúe a programación e o desenvolvemento de actividades relacionadas coa natureza, artísticas, deportes e xogos, entre outras. A estes campamentos pódense anotar nenos e nenas nacidos entre os anos 2005 e 2010, ambos os dous incluídos, e que teñan o seu domicilio habitual en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra. Entre as diversas actividades tamén se inclúen tarefas en inglés.

O prezo é de 100 euros (desconto do 20% para familias numerosas). Ofértanse prazas gratuítas para os nenos/nenas en situacións de risco de exclusión social. Ofértanse 11 quendas semanais do 24 de xuño ao 8 de setembro. O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 27 de marzo.

CAMPAMENTOS POLIDEPORTIVOS PRÍNCIPE FELIPE

Os Campamentos Polideportivos no Centro Príncipe Felipe están destinados a nenos e nenas nacidos entre os anos 2004 e 2011, ambos os dous incluídos, que teñan o seu domicilio habitual en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra. O campamento incorpora actividades lúdicas, como saídas ao medio natural, tiro con arco, actividades acuáticas ou obradoiros.

Ofértanse 6 quendas semanais do 9 de xullo ao 25 de agosto e o prezo é de 125 euros (desconto para familias numerosas). O prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 23 de marzo.

Máis información na OMIX do Concello de Baiona, situada na 2º planta ou no teléfono 986 385 925.

Anuncios