Esperando ao autobús escolar baixo a choiva en Couso

FOTO: IXG // Os nenos e nenas, esperando ao autobús baixo a choiva.

O 5 de maio de 2016 o Grupo Municipal Iniciativa por Gondomar (IXG) presentou ao Pleno da Corporación unha moción na que solicitaba a instalación de dúas marquesiñas na parroquia de Couso, destinadas aos nenos e nenas que utilizan o transporte escolar. Concretamente, unha na estrada Gondomar-Tomiño, á altura do cruzamento co Camiño de Xosé Díaz da Portela, e a segunda, á altura do cruzamento na estrada de Gondomar-Tui onde nacen os viarios de Lugar e da Torre.

A proposta foi aprobada por unanimidade, pero na actualidade, as marquesiñas aínda non foron instaladas. Para IXG isto demostra “o pasotismo do bipartito de Gondomar”, que “nin fai caso nin lles importa”.

“Durante moitos plenos levamos lembrándollo ao Sr. Alcalde, que pasa coas devanditas marquesiñas?, por que non están colocadas no sitio?, e leva dito de todo, que están a esperar os orzamentos, que xa están para colocar, noutro pleno di que hai moitas marquesiñas máis e que esas non son importantes, que é culpa da oposición, etc, escusas tras escusas”, lembra Manuel Gómez.

Para o portavoz de IXG, “aquí mírase a sensibilidade que ten o Sr. Alcalde ante os máis pequenos, non lle importa que se mollen, que enfermen, etc, contando sempre o que lle vén en gana. Como dicían algúns deles, impórtanlle máis as oliveiras das rotondas que nós, para iso si”.

“Despois de case tres anos, vemos que seguimos igual, esperando á choiva baixo un simple paraugas e mollándose día tras día, non ten perdón, é vergoñoso polo que pedimos unha vez máis que fagan o favor e póñanse a traballar xa”, engade Manuel Gómez.

Desde Iniciativa por Gondomar esperan que o alcalde, Paco Ferreira, “levántese un día e acórdese delas, e sobre todo, dos pequenos que están ansiosos por ter as súas marquesiñas nas súas paradas como os demais nenos e nenas do Concello de Gondomar, pedimos igualdade para todos”.