Olaf, o gato queimado vivo en Baiona, continuará a súa recuperación en Valencia

FOTO: BAI.SENPULGAS // Olaf.

Desde principios de semana as feridas da cabeza de Olaf, o gato que apareceu queimado vivo en Baiona, están peor, caéuselle a pel queimada e tenas en carne viva. Neste estado necesita unha atención especializada as 24 horas, algo que a protectora de animais Bai.senpulgas non pode ofrecerlle.

“Valorámolo coa clínica que o estaba tratando e Olaf viaxou a Valencia para ser tratado no Hospital Veterinario Valencia Sur. Os compañeiros de Let’s Adopt van facerse cargo del a partir de agora”, sinalan desde o colectivo.

“Gustaríanos que Olaf puxésese ben aquí e poder ver a súa melloría en directo, pero non imos poñelo en risco só por querer telo connosco. Estamos convencidas de que esta é a mellor opción para el e imos seguir a súa evolución a diario e iremos actualizando o seu estado”.

Finalmente, Bai. senpulgas agradece todos os donativos e todas as mostras de agarimo recibidas para Olaf. “Deixamos pagados xa os seus gastos no veterinario e o resto das doazóns enviarémolas a Valencia para seguir custeando o seu tratamento”.

Polo momento segue sen coñecerse a identidade do responsable de queimar a Olaf. Bai.senpulgas, a asociación animalista Libera e a fundación Franz Weber ofrecen unha recompensa de 1.000 euros para quen achegue datos sobre o posible autor destes feitos.

OLAF
FOTO: BAI.SENPULGAS // Olaf no aeroporto de Peinador.