Anuncios
Ticker de novas

Investigan a un veciño de Gondomar por un incendio forestal causado durante unha queima

A Garda Civil de Gondomar investigou penalmente a un veciño do municipio como presunto autor dun delito de incendio forestal debido, supostamente, a non tomar as medidas de precaución necesarias nunha queima de restrollos.

O incendio ocorreu a finais do pasado mes nun monte da parroquia de Santa María de Vilaza e, segundo as primeiras investigacións, todo apunta a que o lume se orixinou como consecuencia de non adoptar as medidas de precaución necesarias nunha queima que, ademais, tampouco estaba autorizada.

O propio responsable da queima admitiu que se lle escapou o lume por un golpe de vento, afectando a unha parcela de monte contiguo. A rápida intervención dos medios de extinción permitiu que tan só se queimase unha pequena superficie de monte baixo e arboledo.

As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido.

O SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza) da Garda Civil lembra que, segundo determina a normativa vixente na comunidade autónoma de Galicia, para realizar traballos en terreos agrícolas, terreos forestais e zonas de influencia forestal, nos que sexa imprescindible facer uso do lume, e sempre fóra de perigo alto de incendios, será obrigatorio dispoñer da correspondente comunicación ou autorización de queima, segundo sexan restos agrícolas ou forestais, respectivamente.

Anuncios