
Xixón acolle este sábado, 10 de marzo, o Campionato de España júnior de Loitas Olímpicas e sénior de Loita Sambo. Galicia acude á cita nacional cun total de 22 deportistas, 10 en Loita Libre Olímpica, 6 en Loita Grecorromana, 2 en Loita Sambo e 4 Mulleres en Libre Feminina.
Tras proclamarse o pasado mes de febreiro campións galegos, os baioneses Anxo Uzal e Omar Rodríguez, do Club de Loita Sabarís, formarán parte da selección galega de Loita Libre Olímpica sénior. Anxo competirá na categoría de 61 kg, mentres que Omar farao en 74 kg.
Galicia acode cun total de 6 árbitros nacionais a esta cita, sendo unha das comunidades autónomas con maior representación. O Colexio Galego de Árbitros viaxa con Miriam García (Club Pontevedra), Ángel Amor (FGL), Marcos Araujo (Club San Ignacio), Jose Manuel Pereira (Club El Castro), Jorge Garrido e Daniel Fernández (Ambos do Club Kuzushi).
Os 22 deportistas competirán en 4 tapices oficiais de 12 x 12 metros, e estarán acompañados por 5 técnicos Galegos. Como en anos anteriores, Galicia aspira a subir o podio nas 3 modalidades Olímpicas que se disputan este fin de semana, así como agarda bos resultados dos 2 deportistas que compiten en Loita Sambo.
Tras esta competición, en menos de 7 días, a Federación Galega de Loita organiza xunto coa Federación Española no Concello de Pontevedra os Campionatos de España de Deporte en Idade escolar, así como os Campionatos de España cadetes de Loitas Olímpicas.