
O vindeiro sábado día 10, e o 13, 14, e 15 de marzo poñerase en marcha en Baiona a campaña «O que se enchufa, recíclase». É un programa de información e sensibilización da Consellería de Medio Ambiente en colaboración con Plataforma Informática de Coordinación Loxística e o Concello de Baiona.
«O que se enchufa, recíclase» ten por obxectivo fomentar a xestión dos residuos de aparellos eléctricos ou electrónicos a través dos puntos de venda de electrodomésticos, así como formar e informar dos dereitos e deberes que establece o real decreto que o regula tanto para consumidores como para distribuidores deste tipo de aparellos.
A campaña desenvólvese durante 9 meses en 138 concellos galegos de máis de 4.000 habitantes. Durante este tempo instalaranse máis de 1.000 colectores en puntos de venda de electrodomésticos aos que os cidadáns poderán acudir para depositar os RAEE.
Agasallo
Os puntos informativos de «O que se enchufa, recíclase» están atendidos por dous técnicos especializados. Co fin de reclamar a atención dos consumidores a todos os que se acheguen a este posto daráselles unha breve explicación sobre que son e onde se poden depositar os RAEE.
Os cidadáns poderán participar nun sinxelo xogo de ruleta grazas ao cal se irán cun agasallo para casa.
A caseta en Baiona estará situada o sábado día 10 na Praza de Abastos do centro da vila de 11:00 a 14:00. Tamén os días 13, 14 e 15 no Paseo Ribeira en horario de atención o público é de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.