O CPA Gondomar loitará este venres por volver subirse ao podio do Campionato de España

Os días 9 e 10 de marzo celebrarase no Complexo Deportivo de Avilés o XVII Campionato de España de Grupos Show Grandes e Pequenos, organizado polo Club Virxe da Luz e no que se darán cita un total de 20 grupos Pequenos e 20 Grandes.

Ata alí desprazarase o Club Patinaxe Artístico Gondomar co seu programa “Expediente Alice”, partindo como vixente Campión Galego. Tentarán conseguir postos que lle permitan participar no Europeo, aínda que conscientes do gran nivel co que se atoparán tanto de grupos galegos como de todos os puntos de España.

As gondomareñas, baixo a dirección de David Figueroa, demostraron o pasado 17 de febreiro no XVII Campionato Galego a súa forza, disciplina e gran dificultade, brillando e rodando ata o podio como androides de última xeración, revalidando por terceiro ano consecutivo o seu título de campioas galegas.

No Nacional tentarán repetir a xesta do pasado ano, cando conseguiron por primeira vez na historia galega desta modalidade subirse ao podio cunha medalla de bronce que soubo a Ouro. Este posto permitiulles participar no Campionato de Europa e por primeira vez nun Mundial que se celebrou en Nanjing (China), conseguindo un máis que meritorio sexto posto.

Anuncios