
A Garda Civil detivo a P.S.C., de 30 anos, veciño de Vigo, acusado de subtraer a recadación de dúas máquinas expendedoras de tabaco en dúas cafeterías de Nigrán.
As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor da denuncia que presentara recentemente na Comisaría da Policía Nacional de Vigo, a empresa que xestiona o aluguer e a explotación destas máquinas expendedoras.
Por mor da información achegada pola empresa sobre os distintos establecementos nos que notara que faltaba o diñeiro das máquinas sen causa xustificada, cinco deles en Vigo e dous en Nigrán, a Garda Civil, chegou á identificación deste veciño de Vigo ao que se lle atribúe a subtracción da recadación de dúas máquinas expendedoras de tabaco, situadas en senllas cafeterías da localidade de Nigrán.
Segundo púidose pescudar, esta persoa, valéndose da súa condición de empregado da empresa encargada da reposición do tabaco, puido acceder facilmente ás chaves das máquinas e subtraer a súa recadación. O importe apropiado nas dúas máquinas de Nigrán ascende a 1.800 euros.
A investigación continúa aberta para determinar a implicación do arrestado co resto dos establecementos que teñen máquinas expendedoras xestionadas pola mesma empresa.
O detido foi posto en liberdade unha vez prestou declaración no Posto da Garda Civil e deberá comparecer ante a autoridade xudicial, cando sexa requirido, acusado da comisión dun suposto delito de apropiación indebida.
As dilixencias instruídas foron entregadas no Xulgado de Instrución núm. 4 de Vigo.