Este domingo dispútase a Aiztondo Klasikoa e coa carreira guipuscoana chegan os portos de montaña á Copa de España. A segunda xornada puntuable para o certame estatal Elite e Sub23 presenta un percorrido de 141,5 quilómetros con oito ascensións puntuables. Unha proba cun perfil similar ao das Clásicas das Ardenas e á que o Club Ciclista Rías Baixas acode cunha aliñación infestada de escaladores.
David Galarreta será a referencia en terras vascas da estrutura presidida por José Luis Chamorro. O cántabro encabeza unha aliñación que conta con dúas novidades respecto da que a semana pasada iniciou a Copa de España na cita estremeña do Circuíto Guadiana. Estréanse o balear Jaume Bonnin e o madrileño Ignacio Zamanillo.
Os outros representantes da formación miñorán serán Sergio Álvarez, Cristian Cuervo, Antonio Barbeiro e Adrián Escobar. O director deportivo Iván Rodríguez indica que “entra en escena na montaña e iso benefícianos. Tamén somos conscientes que a este primeiro mes da Copa de España chegamos un pouco xustos de preparación porque nos espera un ano moi longo e hai que ter paciencia”.
Tras a apertura da Copa de España o pasado domingo en Don Benito, Galarreta ocupa o 32º posto na xeral e é o mellor clasificado do Club Ciclista Rías Baixas. Escobar e Cuervo tamén conseguiron sumar puntos nesta primeira xornada. Por equipos, o cadro do Val Miñor obtivo a undécima posición.
A XV edición da Aiztondo Klasikoa poñerase en marcha ás 9:50 horas en Alkiza. Aos corredores das 28 escuadras participantes espéranlles estradas estreitas, un constante sobe e baixa salpicado de curvas e contracurvas e, mesmo, anúnciase algo de choiva para engadir maior dureza e incerteza. O porto de Alkiza, de 2ª categoría, é a única dificultade montañosa da primeira parte da carreira. A continuación, daranse seis voltas a un circuíto no que se ascende Aduna, de 3ª, e a clásica concluirá coa subida a Larraul, de 2ª.

