Ferreira retira no Pleno o punto correspondente á reforma da Praza da Paradela

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Proxecto de humanización da Praza Paradela.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, levou no punto nº 3 da orde do día do Pleno da Corporación Municipal do mes de marzo celebrada onte o Expediente 1801/2017. Proxecto Praza Paradela, correspondente á aprobación dos Pregos de cláusulas económico administrativas que rexerán a contratación da Reforma da Praza da Paradela, obra cun montante de 800.000€.

Ante a denuncia feita por parte do Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto sobre a situación do expediente que non cumpría cuns mínimos de legalidade e transparencia na acción de goberno ao ter os informes dos técnicos desfavorables, faltándolle ás autorizacións e cesións preceptivas por parte da Xunta, e mesmo requirido pola propia Deputación para a subsanación do proxecto presentado, o Alcalde manifestou que isto non era verdade, que os informes eran correctos, que todo estaba en marcha e que era urxente a contratación xa que a obra debería estar rematada en abril de 2009, e que por iso o levaba á sesión plenaria para a súa aprobación.

“Unha vez máis o Sr. Ferreira faltou á verdade. A proba evidente e irrefutable disto é que chegado o momento de tratar este asunto no Pleno, retirouno da orde do día. Se todo estaba perfecto por que o retirou?”, pregúntase Pauliño del Río.

“Un retrato acaído e recorrente do xeito de facer e xestionar os asuntos públicos do Sr. Alcalde de Gondomar, consistente en dicir e facer o primeiro que se lle pasa pola cabeza sen medir as consecuencias dos seus actos, facendo o que lle peta, obviando as recomendacións e informes dos técnicos municipais e recorrendo cada vez máis a informes externos. Todos sabemos onde acaba iso”, engade o voceiro de CABE.

Dende o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto recoméndanlle, unha vez máis, ao Alcalde que se cinga á legalidade, leve en debida forma o expediente e o presente no Pleno con todas as garantías, e non trate de buscar atallos que non levan a ningures.

“Por certo, o prazo de execución da obra non remata, como manifestou o Sr. Ferreira, en abril de 2019, senón o 30 de xuño de 2019. Esperemos que os actos do Sr. Ferreira non leven aparellada a perda dunha subvención pública de case 1 millón de euros”, conclúe Del Río.