Sin categoría

Usuarios do Juan María estrean a nova vivenda de respiro familiar en Camos

O alcalde de Nigrán e responsables da Obra Social La Caixa visitaron hoxe a antiga casa do mestre de Balinfra (Camos) estreada este fin de semana como vivenda de respiro familiar e de autonomía do Centro de Educación Especial Juan María (Parada) trala reforma realizada polo Concello. A rehabilitación foi financiada a través de 27.459 € da Deputación de Pontevedra e 10.000 € achegados pola Obra Social La Caixa para a adquisición de mobiliario. Ao mesmo tempo, o Concello tamén está a reacondicionar o parque de Balinfra onde se atopa integrada e facilitará unha das escolas vinculadas (alí situada) para os seus obradoiros, polo que suporá unha transformación total de toda a contorna que se encadra no proxecto do goberno municipal “Un Nigrán para todos”.

Así, esta casa desocupada durante décadas serve xa dende este pasado fin de semana para que os usuarios do Centro Juan María poidan gozar de programas de respiro familiar ou de preparación para unha vida independente. Para que este novo uso fose posible, con anterioridade o goberno de Nigrán tramitou ante a Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Pontevedra a desafección do uso docente desta construción situada na rúa San Roque.

«A vivenda é un dereito básico das persoas que contribúe á súa integración social e calidade de vida, é moi importante que Nigrán conte con esta casa e que sirva como aprendizaxe para que as persoas con diversidade funcional poidan prepararse para a vida independente», explica o rexedor.

A edificación, de 339 metros cadrados, consta de dúas vivendas pareadas, sendo a do lado oeste (número 43) a que foi rehabilitada. A casa en cuestión conta con 80 metros cadrados de planta, dous pisos e xardín nunha parcela de 2.789 metros cadrados. A obra, firmada polo estudio de arquitectura nigranés A-Integra, supuxo unha completa adecuación interior para dotala do máximo confort e accesibilidade, o mesmo que o xardín e a súa parcela, onde se instalaron pavimentos exteriores que facilitan o seu uso sen ningún tipo de barreira arquitectónica. A reforma incluíu habilitar aillamentos trasdosados en todos os seus perímetros e mellorar todos os acabados de paredes, teitos e carpinterías en xeral. Ademais, renovouse completamente a instalación eléctrica e de fontanería e dotóuselle dun sistema de calefacción mediante estufa de biomasa na planta baixa como alternativa aos radiadores eléctricos cos que contaba. No exterior recuperouse unha construción anexa como dormitorio e baño perfectamente adaptados a persoas con mobilidade reducida.

O Centro de Educación Especial Juan María (Parada) tivo durante un ano e grazas a unha subvención unha casa alugada para levar a cabo programas de respiro familiar cos seus usuarios, sen embargo, o elevado custe impediu a súa continuidade. Agora, o Concello de Nigrán facilita que poidan retomar esta iniciativa básica para acadar a autonomía total dos seus usuarios ou permitir que as familias descansen.

«A empregaremos para que os usuarios máis autónomos acaden a máxima independencia e tamén para respiros familiares, isto significa que as fins de semana algúns deles desfrutarían en Balinfra do seu propio ocio acompañados de monitores e ao mesmo tempo a familia poderá descansar da súa labor coidadora. Contamos cun cronograma polo miúdo», explican dende o centro. Ademais das estancias curtas de fin de semana aberta aos cen usuarios, habería de máis longa duración para que, en pequenos grupos, os que gozan de maior autonomía aprendan a valerse por si mesmos nunha vivenda (sempre con apoio de persoal do centro). «Trátase de preparalos para a independencia total, para que poidan vivir pola súa conta», indican dende o Centro Ocupacional.