Anuncios
Ticker de novas

Gondomar celebrará o 7 de abril a súa III Gala do Deporte

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Gondomar celebrará o día 7 de abril a súa III Gala do Deporte, evento promovido polo Alcalde, Paco Ferreira, e a Concelleira de Deportes, Nuria Lameiro. Con esta cita Gondomar afiánzase no seu proxecto de fomentar o deporte e poñelo en valor.

O prazo para a inscrición de deportistas que desexen participar na III Gala do Deporte xa está aberto. Os interesados deberán entregar a documentación requirida ata o 19 de marzo a través de rexistro do Concello no caso de persoas físicas e a través da Sede Electrónica no caso de persoas xurídicas como asociacións e clubs. Solicítase entre outras cousas formalizar a inscrición e facer entrega do CV do deportista ademais da autorización de uso de datos asinada. As candidaturas poderanse presentar por parte de calquera cidadán, club deportivo, institución ou asociación.

Nesta convocatoria, realizada polo Departamento de Deportes do Concello de Gondomar, valoraranse os méritos realizados durante o ano deportivo 2017.

As categorías ás que se opta son oito, mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista revelación masculino, deportista revelación feminina, mellor club ou entidade deportiva, mellor patrocinio e colaboración co deporte, premio á traxectoria deportiva e mellor evento deportivo do ano. Ademais da categoría de Mención Especial á que poderán optar tanto institucións relacionadas co deporte e deportistas, como persoas ou entidades cunha labor salientable na defensa dos valores humanos no deporte. A parte do recoñecemento aos mellores deportistas en cada modalidade deportiva.

O xurado será o encargado de seleccionar os gañadores de cada categoría, sendo presidido pola Concelleira de Deportes, Nuria Lameiro. As bases da Gala atópanse dispoñibles na páxina Web do Concello así como a folla de inscrición.

Anuncios