
Os veciños de Baiona que estean interesados en recibir compost elaborado con residuos orgánicos poderán servirse eles mesmos a partir de hoxe do composteiro situado na zona dos Tendales do centro da vila. O Concello de Baiona pon a disposición daqueles que o desexen o material orgánico para o seu uso particular en hortos, xardinería doméstica ou no campo.
A colaboración cidadá permite elaborar compost de primeira calidade para que poida ser utilizado en plantas e cultivos grazas á adhesión ao Plan Compost Revitaliza e a implicación da Concellería de Medio Ambiente. O obxectivo é que todos os cidadáns colaboren, tanto na recollida de residuos orgánicos como no resto de recollidas, algo fundamental para alcanzar unha mellor xestión e tratamento de todos estes residuos.
O Concello de Baiona aposta por esta nova forma de xestionar o lixo orgánico que permite melloras ambientais e un aforro substancial dos custos municipais do servizo. Para iso, instaláronse tres centros de compostaxe comunitarios na zona, un situado nos Tendales, no centro urbano, na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa na conexión da Avenida Julián Valverde con Camiño do Carme e na Rúa do Burgo subida a Baíña.
Baiona recuperou un costume que era habitual en tempos dos seus avós, porque o aproveitamento dos restos da comida para alimentar aos animais domésticos ou abonar as leiras é unha tradición galega que se estaba perdendo por unha cómoda e perigoso costume que arraigou moi pronto en Galicia, o de tiralo todo ao colector verde.
Desde Medio Ambiente apuntan tamén que o compost vigoriza a terra e favorece a actividade da vida microbiana, evita a erosión e o lixiviado dos nutrientes e, en xeral, potencia e favorece toda a actividade biolóxica dos chans, que é a mellor garantía para previr pragas e enfermidades nos vexetais.
Así mesmo, o departamento agradece aos veciños do municipio a súa implicación na separación de residuos orgánicos e recalca a importancia que ten a colaboración de todos para alcanzar unha Baiona máis sustentable que, como se viu, finalmente reverte nun importante beneficio ambiental para todos.