Anuncios
Ticker de novas

O Pleno de Nigrán da luz verde ao pago de 136.481 € a Cespa polos atrasos dende 2013 a 2015

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Camión da recollida de lixo de Nigrán.

O Pleno do Concello de Nigrán aprobou onte cos votos a favor do PSOE e do BNG e a abstención dos demais grupos a moción para liquidar os atrasos que o Concello mantén con Cespa dende o ano 2013 a 2015 e que, segundo os informes técnicos, ascende a 136.481 €. Así mesmo, o goberno comprometeuse a presentar canto antes a revisión de 2016 e 2017, aspecto no que xa están a realizar os cálculos os técnicos.

“O goberno de Nigrán liquida definitivamente este problema herdado dende 2012 e cumpre así coa obriga legal do Concello de revisar os prezos do contrato con Cespa. Era urxente solucionar isto para protexer aos traballadores e, ao mesmo tempo, non prexudicar ao servizo”, subliña o alcalde, Juan González. De feito, completar esta revisión pendente era un compromiso adquirido no anterior pleno por toda a corporación diante dos traballadores.

O rexedor destaca que se trata da primeira vez que se dan conta destes atrasos con absoluta precisión, “xa que grazas ás achegas realizadas dende todos os grupos cuantificáronse os ingresos de Cespa obtidos a través do aproveitamento dos SIX (Sistemas Integrados de Xestión, como a reciclaxe de vidro)”. Así, os 136.481 € (IVE incluído) si responden á cantidade exacta.

“Os contratos están para cumprilos, tanto por parte do Concello como por parte da concesionaria; que non haxa dúbida de que dende o goberno esixiremos e reclamaremos a Cespa todo o que lle corresponda”, engade González, quen confirmou no pleno que se está a traballar nunha “futura reestruturación do servizo sen ningún custe engadido para que o contrato se adecúe a realidade actual, xa que data de 2004 e non se contemplan zonas como Porto do Molle”.

Anuncios