O Enterro do Kiko pecha o Entroido de Nigrán este sábado

O Concello de Nigrán pecha este sábado co Enterro do Kiko de Parada a programación do Entroido deste ano. O Kiko, que permanece exposto no Auditorio Municipal dende o 10 de febreiro, será trasladado ás 19:00 horas por un carro de bois e unha amplo cortexo fúnebre ata a parroquia de Parada, onde se celebrará o velorio e a posterior queima. O goberno local consolida deste xeito unha celebración con gran arraigo na parroquia e que hai tres anos decidiu potenciar co percorrido dende o Concello grazas á colaboración do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, os promotores desta tradición.

Os actos comezarán coa saída do cortexo fúnebre dende a Praza do Concello cara Parada, unha parella de bois levará ao Kiko e diferentes comparsas e unha charanga o acompañarán. A previsión é que chegue ao Torreiro de Parada ás 20:00 horas para velalo durante unha hora e, a continuación, ás 21:00 horas, o cortexo fúnebre trasladará ao Kiko para a lectura do pregón e a súa queima ás 22:00. A partir das 23:00 horas haberá unha gran verbena popular a cargo dos DJs Tony & Yogui e o grupo Aramio.

Previamente, en Parada, desde as 17:00 horas celebrarase un Entroido Infantil con premios para todos os cativos que asistan disfrazados. E as 19:30 horas actuará a charanga Vaite Xa.

Esta peculiar celebración naceu en Parada da man do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor como alternativa ao Enterro da Sardiña, xa que a parroquia non ten mar pero si presume de múltiples galiñeiros con “kikos” (ata o punto de que é a figura que representa á entidade). Ao longo de preto dunha década de vida foi adquirindo sona na localidade e, o que comezou como unha festa entre veciños, é hoxe en día unha gran festa que vai máis alá do interese local.