Anuncios
Ticker de novas

Nigrán Decide acusa ao goberno local de tratar de ocultar un informe non favorable

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O pleno do Concello de Nigrán non votou a modificación das normas subsidiarias proposta polo goberno despois de que o voceiro de Nigrán Decide denunciase a existencia dun informe preceptivo que non era favorable a dita modificación. “O resto dos grupos, que descoñecían a existencia de dito informe, pois o goberno, nunha argucia política, propia da falta de transparencia que o caracteriza, o ocultase nun expediente de case 600 páxinas na documentación que enviou este luns aos grupos municipais, ao non incluílo no índice, propuxeron que quedase sobre a mesa. Quen vai poder confiar agora nun goberno que tratou de ocultar un informe no expediente?”, pregúntase José Cuevas.

Cómpre destacar que as determinacións do viario corresponden ao planeamento urbanístico, segundo se establece no artigo 55 da Lei do Solo, ao sinalar que os planeamentos xerais de ordenación municipal conterán a ordenación detallada dos núcleos rurais, incluíndo as determinacións relativas ao trazado da rede viaria pública e sinalización de aliñacións.

“O goberno dedicouse a anunciar o estreitamento do viario, que esta modificación era beneficiosa para Nigrán e a súa veciñanza, pero como iso non era real, non se atreveron a incluír na modificación o trazado da rede viaria pública e o sinalamento de aliñacións, tal como indica a lei”, sinala José Cuevas. “Se as introducisen, no período de exposición pública a veciñanza de Nigrán sabería o que realmente pretendían. Quen se beneficiaría, quen sería prexudicado, que camiños terían unha aliñación de 4 metros ao eixo, que camiños terían unha aliñación inferior aos 4 metros e cales superior. Estariamos ante un documento transparente, pero iso é incompatible coa súa forma de gobernar. En caso de que se aprobase inicialmente esta modificación, que vai alegar a veciñanza con relación ás aliñacións se estas non son públicas?”, pregúntase Cuevas.

O goberno quedou descolocado no debate e non contestou ás preguntas formuladas por Nigrán Decide

No debate sobre a modificación das normas subsidiarias, o goberno municipal non foi capaz de contestar ás preguntas formuladas polo grupo municipal de Nigrán Decide, referidas á ausencia de planos na documentación da modificación, a introdución dunha discrecionalidade non permitida pola lei.

“Cremos que o goberno non pensaba que o traballo rigoroso de Nigrán Decide sería capaz de descubrir a súa manobra e quedou descolocado no debate”, finaliza Cuevas.

Anuncios