Estelas, Arce Bake Shop Hotel e Baipraza gañan o Concurso de Decoración de Nadal de Baiona

Este xoves déronse a coñecer os gañadores do Concurso de Decoración de Nadal para os establecementos do municipio de Baiona organizado polo Concello. O Alcalde, Ángel Rodal, e a Concelleira de Comercio, Mª Carmen Paredes Cabral, fixeron entrega dos premios ao establecemento Estelas S.L, que se fixo co galardón á fachada ou escaparate mellor engalanado, ao Arce Bake Shop Hotel, o premio á mellor decoración interior, e a Baipraza Asociación Praceiros de Baiona, o premio á orixinalidade e innovación. Cada un deles recibiu 250€ e un diploma.

O concurso tiña por obxecto promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de presentar os establecementos, facelos máis atractivos ao consumidor/a, reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizando o comercio no municipio nas datas do Nadal.

Desde a Concellería de Comercio animaron aos negocios para converterse nun referente comercial decorativo no Val Miñor. A intención é que esta actividade tamén atraese ata a vila a visitantes e veciños co fin de gozar dunha contorna ambientada coa singular decoración que animase ás compras do Nadal.

A temática dos escaparates e dos establecementos tiña que estar vinculada ás datas de Nadal, o que contribuíu a crear un ambiente festivo propio destas festas.

Anuncios