Anuncios
Ticker de novas

35 establecementos de Baiona revalidan o seu compromiso de calidade turística

A Concelleira de Turismo de Baiona, Beatriz González, entregou as placas distintivas do Sistema Integral de Calidade Turística Española a Destinos (Sicted), a varios establecementos do municipio. Trátase de Mesón Fuente de Zeta, Mesón Jamonería Fidalgo, Bibendum, Hotel Tres Carabelas e Viajes Val Miñor.

Estas cinco empresas renovan o seu compromiso coa calidade para os próximos 2 anos. Ademais, outras 30 empresas e servizos do municipio superaron a avaliación de seguimento que lles permite manter o distintivo que conseguiron o ano anterior.

A concelleira agradeceu aos establecementos turísticos “o seu compromiso co municipio, xa que calquera distintivo de calidade leva unha responsabilidade que debe perpetuarse no tempo”. Ademais, felicitou aos representantes dos establecementos por obter este selo de calidade, que conta cunha gran relevancia e recoñecemento, e que xestiona o departamento de turismo do Concello de Baiona.

O Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (Sicted) acredita o cumprimento dos requisitos de calidade turística dos establecementos que participan neste proxecto, e está promovido pola Secretaría de Estado de Turismo, co apoio da Federación Española de Municipios e Provincias. As placas acreditativas que se entregaron nesta ocasión teñen unha vixencia de dous anos, un de seguimento e outro de distinción, polo que un total de 30 establecementos revalidaron o seu compromiso de seguimento e os 5 anteriormente sinalados revalidaron a distinción.

Baiona leva traballando no Sicted desde o ano 2004 e é un dos sete destinos galegos adheridos a este sistema. O Sicted traballa con empresas/servizos turísticos de ata 34 oficios diferentes, co obxectivo último de mellorar a experiencia e satisfacción do turista.

Desta maneira, Baiona conta na actualidade con 43 establecementos e servizos adheridos nun dos proxectos máis ambiciosos do PICTE (Plan Integral de Calidade Turística Española), que proporciona un impulso da calidade do destino a nivel global.

A implicación do Concello de Baiona en prol da calidade viuse recompensada en dúas ocasións, recibindo o terceiro premio como Mellor Destino Sicted nos anos 2014 e 2016, en recoñecemento ao seu compromiso en favor da competitividade das empresas e impulso do proxecto Sicted na Vila. Baiona resultou o terceiro de entre 202 destinos participantes de toda España.

“É primordial que este sector punteiro para a nosa localidade, aúne a experiencia e a calidade esixida para ser máis competitivo e é necesario apuntar todos na mesma dirección para xerar emprego, para xerar desenvolvemento económico e para desmarcarnos doutras localidades coas que só podemos competir se elevamos o noso nivel de calidade”, sinalou Beatriz González, Concelleira de Turismo.

Os establecementos e servizos coa distinción son Apartamentos Ababides, Casa do Marqués, Estación de Servicio Monte Real, Estelas, Hotel Anunciada, Hotel Arce, Hotel Rompeolas, Hotel Tres Carabelas, Jamonería Jaqueyvi, Joyería Tula, Juan José Fontenla Alfaya (Taxi), La Crep, La Pedalería, Le Sept, Luna Baiona, Mirador Ría de Bayona, Monte Real Club de Yates de Bayona, Oficina de Turismo de Baiona, Óptica Baiona, Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar, Peluquería Belmer, Policía Local de Baiona, Recuncho Mariñeiro, Restaurante Pedro Madruga, Playa Ribeira, Playa Santa Marta, Playa Ladeira, Playa Barbeira, Playa de Frades, Playa Concheira, Mesón Fuente de Zeta, Mesón Jamonería Fidalgo, Bibendum, Benestar Baiona e Viajes Val Miñor.

.

Anuncios