Anuncios
Ticker de novas

Baiona presenta o programa do VI Ciclo de Conferencias Pueblos Colombinos de España

A Concellería de Cultura do Concello de Baiona leva tempo traballando intensamente para que a efeméride do 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta non deixe indiferente a ninguén e quede gravada na memoria de todos. Os froitos de todo ese traballo iranse desvelando ao longo dos próximos meses. Mentres tanto, baioneses e visitantes esperan ansiosos por coñecer algún detalle. Para ir abrindo boca, a Concellería de Cultura de Baiona dá a coñecer o cartel do VI Ciclo de Conferencias “Pueblos Colombinos de España”, deixando as expectativas de “non deixar indiferente a ninguén” máis que superadas coas súas fichaxes, “os number one da Historia a nivel nacional”.

O Parador Conde de Gondomar acollerá as charlas, que terán lugar os días 27 e 28 de febreiro e o 1 de marzo ás 19:30 horas, no Salón Medieval Monterreal.

O Doutor en Historia e Premio Planeta Juan Eslava Galán será o encargado de abrir o ciclo de conferencias co seu relatorio sobre “Os Segredos de Colón”. Eslava Galán é licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Granada e doutor en Letras cunha tese sobre historia medieval. Ampliou estudos no Reino Unido e foi alumno e profesor asistente na Universidade de Ashton (Birmingham). Foi profesor de bacharelato durante trinta anos, unha labor que compaxinou coa escritura de novelas e ensaios de temas históricos. Gañou os premios Plante (1987), Ateneo de Sevilla (1991), Fernando Lara (1998) e Primavera (2015). Entre os seus ensaios cabe destacar “Historia de España contada para escépticos” e “El enigma de Colón y los descubrimentos de América” (1992). Esta última obra sitúase na lista dos quince mellores libros sobre Cristóbal Colón.

Cal foi a súa verdadeira patria? En que probas baséanse os investigadores que o fan galego, catalán ou balear? Se naceu en Xénova, como se explica que coñecese imperfectamente o italiano? Soubo da existencia de América por un náufrago?, estas son algunhas das cuestións que o Doutor en Historia desvelará en Baiona.

Ao día seguinte, 28 de febreiro, será a quenda de José Luis Corral, Catedrático de Historia Medieval da Universidade de Zaragoza, cunha charla que ten por título “De América a Baiona: A Continuación do espírito de Reconquista”. O escritor e catedrático é tamén fundador e foi presidente da Asociación Aragonesa de Escritores. Foi asesor histórico de Ridley Scott na película “1492 La conquista del paraíso”. Como historiador publicou trinta e cinco libros, entre outros “Historial universal de la pena de muerte” (2005), “Breve historia de la Orden del Temple” (2006), “Una historia de España” (2008) o “El enigma de las catedrales” (2012). Está considerado “el maestro de la novela histórica española contemporánea” por obras como “El salón dorado” (1996), “El Cid” (2000), “Trafalgar” (2001), “Numancia” (2003), “El número de Dios” (2004), “¡Independencia!” (2005), “El caballero del Templo” (2016), “La prisionera de Roma” (2011), “El códice del peregrino” (2012), “El médico hereje” (2013) ou “El trono maldito” (2014, con Antonio Piñero). Corral é considerado “un dos historiadores españois” de maior prestixio internacional.

Xa o xoves, día 1 de marzo, Fernando García de Cortázar, falará do “Canto a unha España Americana”. O último relator é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Deusto e director da Fundación Vocento. Foi condecorado coa Orde do mérito Constitucional de España e a Orde das Palmas Académicas de Francia. Escribiu máis de setenta libros, conseguindo popularizar a Historia de España mediante a prensa, o cómic e as series de televisión por el dirixidas, como a exitosa “Memoria de España”, o programa cultural de maior audiencia de toda a historia da televisión española.

“Tu rostro con la marca”, a súa primeira obra de ficción, foi galardoada co Premio Novela Histórica Alfonso X el Sabio. Da súa “Breve Historia de España” díxose que é o best seller máis importante da historiografía española nos últimos anos. Despois do seu éxito coa súa primeira novela insistiu no xénero e en maio de 2016 ve a luz a súa novela “Alguien heló tus labios”.

Anuncios