A Comisión de Contas ditamina favorablemente a obriga de pagar os atrasos a Cespa dende 2013 a 2015

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Servizo de recollida de lixo en Nigrán.

O goberno de Nigrán levará ao pleno desta semana unha moción para liquidar os atrasos que o Concello mantén con Cespa dende o ano 2013 e que, segundo os informes técnicos, ascende a 136.41 € dende 2013 a 2015. Este asunto foi ditaminado hoxe favorablemente na Comisión de Contas. Actualmente, Servizos Urbanos está a analizar 2016 e 2017 para determinar canto antes o importe destes últimos e poder tamén levalos a pleno.

«Non é un custe a maiores, é unha obriga contractual. O goberno de Nigrán quere acabar definitivamente con este problema herdado dende 2012 e cumprir coa obriga legal do Concello de revisar os prezos do contrato con Cespa. Urxe solucionalo para protexer aos traballadores e, ao mesmo tempo, non prexudicar ao servizo», analiza o alcalde, Juan González. De feito, completar esta revisión pendente é un compromiso adquirido no anterior pleno por toda a corporación diante dos traballadores, que acordaron por este motivo suspender a convocatoria de folga.

Os cálculos realizados inicialmente dende o Concello ascendían a 162.000 € acumulados de atrasos dende 2013 a 2015, pero nun estudo máis polo miúdo e, por vez primeira e grazas ás achegas dos demais grupos, descontóuselle a eses anos os ingresos de Cespa obtidos a través do aproveitamento dos SIX (Sistemas Integrados de Xestión, como a reciclaxe de vidro). Así, os cálculos actuais de 136.481 € si responden á cantidade exacta.

«Nos cumprimos e, a través de auditorías externas, seguiremos velando para que a empresa tamén cumpra; que non haxa dúbida de que dende o goberno esixiremos e reclamaremos a Cespa todo o que lle corresponda», engade González, quen avanza unha «futura reestruturación do servizo sen ningún custe engadido para que o contrato se adecúe a realidade actual, xa que data de 2004 e non se contemplan zonas como Porto do Molle».