Anuncios
Ticker de novas

Os veciños de Baredo mostran o seu rexeitamento ao campo de golf a modo de comparsa

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // A comparsa "Nin golfos nin golfistas".

150 veciños de Baredo de todas as idades, dous camións, dous 600, dous tractores e un quad conformaron a comparsa “Nin golfos nin golfistas”, que participou este domingo no Concurso de Comparsas de Baiona, a modo de protesta e para mostrar o seu rexeitamento ao proxecto do campo de golf na parroquia.

A comparsa representou o faro de Cabo Silleiro e a flora e a fauna do monte, sen esquecerse das 1.000 alegacións presentadas, non sen dificultade, a través do rexistro do concello, os “golfistas elegantes”, a especulación inmobiliaria, ou os produtos que se utilizarían para o mantemento do campo de golf e que poderían ser prexudiciais para a contorna.

Durante o paso da comparsa podíanse ler ademais os xa coñecidos lemas habituais: “Non ó campo de golf”, “Defendemos o noso monte”, “Defendemos a nosa auga” ou “Campo de golf en Baredo non”. A súa participación no Concurso valeulles unha compensación de 500 euros, debido ao elevado número de integrantes, converténdose na máis multitudinaria da xornada.

No último pleno, o alcalde, Ángel Rodal, comprometeuse a comunicar antes do 28 deste mes a decisión do goberno local respecto da paralización ou non do proxecto.

O Plan Especial de As Costeiras está a suscitar un movemento social e veciñal como non se viviu en anos en Baiona. Contempla un campo de golf de 18 foxos acompañado de club hípico, pistas de tenis e pádel, campos de fútbol sala, balonvolea, baloncesto, balonmán, piscina, club social, cafetería, pista de rodeo, anfiteatro, curro e zona de deportes aéreos nunha área de case 70 hectáreas, cun valor total que supera os 14 millóns de euros.

Anuncios