A DXT desenvolverá unha nova campaña especial de vixilancia do transporte escolar a próxima semana

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) poñerá en marcha desde o vindeiro luns día 19 de febreiro ata o venres, día 23, unha campaña especial de vixilancia do transporte escolar. Durante estes cinco días, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis preventivos para comprobar que tanto autobuses como condutores cumpran coa normativa, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.

Esta campaña especial da DXT ten unha transcendencia moi importante en Galicia debido á gran extensión de rutas de transporte escolar existentes na Comunidade.

A vixilancia desenvolverase tanto en vías urbanas como en estradas convencionais. Destacar que a importancia do transporte escolar en zona urbana, fundamentalmente en determinados lugares onde existe concentración de colexios, fai que a participación dos Concellos nesta campaña teña unha relevancia extraordinaria.

O obxectivo é concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte, entre as que destaca a importancia de usar os cintos de seguridade e o perigo de estar de pé mentres o vehículo está a circular.

Realizaranse controis de carácter administrativo sobre as autorizacións e documentos que deben ter devanditos vehículos para a correcta prestación do servizo. Tamén se verificará que as condicións técnicas e elementos de seguridade do vehículo son os que esixe a normativa, así como os requisitos especiais que debe cumprir o propio condutor, como son o permiso de condución e os tempos de descanso. Entre as condicións de seguridade que deben cumprir todos os transportes escolares estipúlase a antigüidade máxima dos vehículos destinados a este tipo de pasaxeiros, o seguro de responsabilidade civil ilimitado ou a obrigatoriedade de levar o sinal de transporte escolar.

Por outra banda, todos os camións e autobuses novos da UE deben contar desde 2013 cun sistema de freado de emerxencia que se active automaticamente cando detecta a posibilidade dunha colisión.

MOMENTO CRÍTICO

De acordo coas estatísticas da DXT, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou xusto nos instantes inmediatos e, en moitos casos, trátase de atropelos causados por unha distracción do menor, do condutor do transporte escolar ou dos acompañantes.