Anuncios
Ticker de novas

O renovado Club Ciclista Rías Baixas arranca en Almagro

O Memorial Manuel Sanroma dará este fin de semana o bandeirazo de saída á tempada do Club Ciclista Rías Baixas. A entidade presidida por José Luis Chamorro competirá o sábado e o domingo en Almagro (Cidade Real) tras remodelar por completo o seu proxecto. Sete dos oito corredores que presentará na apertura do calendario Elite e Sub23 incorporáronse ao equipo miñorán durante este inverno.

Á fronte desta primeira aliñación están dous ciclistas que proceden do campo profesional. O catalán Francesc Zurita recualificouse como amateur tras dúas campañas defendendo as cores do Team Vorarlberg austríaco e o mesmo paso deu o cántabro David Galarreta, que se incorporou ao conxunto de Nigrán procedente da estrutura italiana Amore & Vita.

Os dous exprofesionais exercerán de xefes de filas en Almagro dun bloque no que tamén se estrean os sub23 Adrián Escobar, Óscar Justo, Antonio Barbeiro, Iván Arribas e Cristian Cuervo. Esta formación a completa Jaime Guzmán, o único corredor que repite no Club Ciclista Rías Baixas respecto ao ano pasado.

O outro debut protagonizarao ao volante do equipo Iván Rodríguez. O director deportivo salmantino elixiu esta proba organizada pola Peña Ciclista Lolo Sanroma como último test antes de que o seguinte fin de semana arranque a Copa de España coa disputa do Circuíto Guadiana.

A decimonovena edición deste memorial que homenaxea ao malogrado sprinter Manuel Sanroma, falecido durante a Volta a Catalunya de 1999, poñerase en marcha o sábado ás 16:00 horas cunha xornada de 105 quilómetros. A localidade de Almagro repetirá como punto de inicio e final dos 150 quilómetros que se cubrirán o domingo a partir das 10:00 horas. O vento será un factor para ter moi en conta nestas dúas etapas de perfil chairo.

Anuncios