Anuncios
Ticker de novas

O PP afirma que Gondomar rematou o 2017 sen celebrar ningún acto do “Ano do Conde”

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, acusa a Paco Ferreira de volver a mentir e enganar os veciños tras prometer fai un ano que o ano 2017 sería “o Ano do Conde de Gondomar”. Neste senso, van presentar unha moción para debater no vindeiro pleno na que pide varias accións ao fin de recuperar a figura do Conde de Gondomar.

Na visita que fixeron en outubro do ano 2016 a Valladolid, lugar onde descansan os restos do Conde de Gondomar, tanto o alcalde Paco Ferreira como a Concelleira de Cultura Nuria Lameiro prometeron un irmandamento en xuño con esta cidade, facendo coincidir co día no que Felipe III nomeou como Conde de Gondomar a D. Diego Sarmiento de Acuña. Primeira promesa non cumprida segundo os populares.

Xa a primeiros de ano 2017 Paco Ferreira anuncia a bombo e platillo que o ano 17 sería o “Ano do Conde” e que Gondomar estaba preparando diversos actos para celebralo. Entre estes destacaban: un acto institucional coa presenza de representantes de Valladolid e Toro; a creación dunha mesa de traballo, coa presenza do profesor Fernando Bartolomé, para preparar un programa de actos co apoio da Xunta e Deputación; ciclos de conferencias, culminado os actos coa publicación dun libro. Tamén anunciou que se puxera en contacto con diversas localidades vinculadas a Sarmiento de Acuña, e coa Casa Real. Incluso chegou a afirmar que para conmemorar esta celebración o Concello de Gondomar colocaría na súa documentación oficial, o gravado do Conde que actualmente encóntrase custodiado na Biblioteca Nacional.

O 26 de xaneiro de 2017 o pleno da corporación municipal de Gondomar aprobou cos votos a favor de todos os grupos, a excepción de Gondomar Concello Aberto, que se abstivo, a declaración do 2017 como Ano do Conde de Gondomar, coincidindo cos 400 anos do seu nomeamento como primeiro Conde de Gondomar por Felipe III e o 450 do seu nacemento. Tamén se colocou una lona na fachada do concello (quitada ao pouco tempo) e un gran cartel anunciando a efeméride. E aí remataron os actos en torno á figura do Conde de Gondomar. “Nin sequera tivo a decencia de acudir como representante do pobo de Gondomar ás conferencias do profesor Fernando Bartolomé que en torno a este IV centenario se celebraron tanto en Baiona como na Casa de Galicia en Madrid”, lle reprocha a presidenta do PP de Gondomar. “E para engadir máis dramatismo a este esquecemento, este goberno deixou de convocar o certame literario infantil Conde de Gondomar que no ano 2015 fixo a XIII edición”.

Paula Bouzós recorda que o Conde de Gondomar foi a figura máis emblemática do momento na comarca pola súa defensa da costa atlántica nas numerosas contendas contra Francis Drake; por impedir en reiteradas ocasións a conquista da baía de Baiona ou as illas Cíes e a salvagarda da cidade de A Coruña. Foi máis expelido e intelixente embaixador español da Idade Modena. Durante a súa etapa como embaixador en Londres era coñecido como o “Embajador de España” ou o “Maquiavelo español”. Amigo persoal de Xacobo I de Inglaterra, tivo un papel moi destacado na política inglesa do período, en especial no mantemento da paz entre Inglaterra e España, liderando a facción católica e pro-española da Corte inglesa.

D. Diego pasou a súa infancia e primeira xuventude en Gondomar, por iso considerou sempre a esta Vila como a seu berce e fixo honra a súa extirpe, sentíndose profundamente galego, como reiteradamente manifestou ao longo da súa vida. A súa nenez transcorre pois no pazo que tiñan os seus pais na “Insigne Vila”, como diría D. Diego, que por aquel entón contaba cunha poboación que roldaba os 800 habitantes, de economía tipicamente rural, producía viño de boa calidade, liño, centeo, caza e tamén abundante gando.

Tamén cabe citar a súa faceta na política nacional, xa que foi quen de conseguir o voto en Cortes directo de Galicia, que por aquel entón estaba delegado a través de Zamora. Tamén hai que remarcar a súa faceta escritora co centos de cartas moitas delas inéditas e escritas en galego.

“O Conde Gondomar levou o nome deste concello por todo o mundo, e non se merece o esquecemento e pasotismo que Paco Ferreira fixo non aproveitando o IV Centenario do Conde de Gondomar para poñer a este persoeiro no lugar que se merece”, conclúe Paula Bouzós.

Anuncios