Anuncios
Ticker de novas

O Obradoiro Terras do Miñor ofrece unha comida de San Valentín a 75 maiores da comarca

A Mancomunidade do Val Miñor convidou a comer este mércores, coincidindo co día de San Valentín, a 75 veciños e veciñas de Baiona, Gondomar e Nigrán -25 de cada municipio-, que foron atendidos polos alumnos e alumnas da comarca que, desde o pasado mes de setembro, están a recibir formación e emprego a través do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor VI”.

A velada, que tivo lugar no Colexio de Educación Especial de Panxón, comezou cun cóctel de benvida para pasar despois a unha completa comida adaptada a esta data especial, elaborada e servida polos 15 alumnos-traballadores do Obradoiro (sete de operacións básicas de cociña e oito de servizos de restaurante). Despois o Trío Azar amenizou o baile.

Esta iniciativa, levaba a cabo tamén o ano pasado, ten como obxectivo principal que os maiores da comarca pasen unha velada de convivencia compartindo esta data en harmonía e compañía dalgúns veciños. Ademais, serve para que os alumnos do Obradoiro poñan en práctica os coñecementos que están a adquirir.

O alcalde de Gondomar e presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Paco Ferreira, xunto coa concelleira de Benestar Social, Rocío Cambra, acompañaron aos comensais. Tamén estiveron presentes os rexedores de Baiona e Nigrán, Ángel Rodal e Juan González, ademais dos concelleiros Mª Carmen Paredes e Luis Sanromán.

Anuncios