O Pleno de Gondomar tratará a cesión dos terreos lindeiros co IES Terra de Turonio á Xunta

FOTO: IES TERRA DE TURONIO

O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar que se celebrará este xoves ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío, entre outros asuntos, tratará un de especial relevancia: a posta a disposición da Consellería de Educación da Xunta de Galicia dos terreos expropiados hai máis de 8 anos, despois doutros 20 anos de xestións pra conseguilos. “Agora con estes máis de 1.000m2, o IES Terra de Turonio disporá dun amplo espazo que sen dúbida vai facer que melloren moito as condicións do alumnado que alí estuda. Deste xeito dáse cumprimento a unha longa demanda da comunidade escolar do devandito IES”, destaca Antonio Araújo.

Trátase duns terreos expropiados hai máis de 8 anos ao non se chegar a un acordo de compra cos propietarios dos mesmos. Un expediente que se iniciou a canda a construción do propio IES, hai máis de 20 anos, sen que até agora se pechara o mesmo. Coa posta a disposición da Consellaría de Educación destes 1.484m2, poderase ampliar o patio do IES, etc, e darlle así cumprimento a unha necesidade longamente demandada por toda a comunidade escolar do devandito IES. “Sen dúbida estamos diante dunha decisión de calado que vai axudar a aumentar aínda máis a calidade do ensino público do alumnado do noso concello”, engade Araújo.

“Como o concelleiro de Urbanismo que me tocou a responsabilidade de lle por fin a este complexo proceso, estou seguro que a devandita proposta de cesión contará coa unanimidade de toda a Corporación Municipal, que dende sempre deu mostras de estar na liña de defender a calidade do ensino público e dos nosos centros de ensino de Gondomar”.

Despois dun longo proceso expropiatorio (de máis de 8 anos) e de conseguir a documentación e os requisitos necesarios para iso, o pasado mes de decembro, por fin, procedeuse á inscrición no Rexistro da Propiedade, a nome do Concello de Gondomar, da parcela expropiada. Co acordo plenario do vindeiro xoves, de resultar favorable, remataría toda a tramitación iniciada hai anos, pasando a devandita parcela a ser propiedade da Xunta de Galicia. Con isto rematarían os impedimentos legais para que a Consellería de Educación procedese a realizar as obras de acondicionamento, peche, etc que considere oportunas.