Anuncios
Ticker de novas

CABE propón ao Pleno solicitar a retirada do proxecto de mellora da PO-331 en Vincios

No pasado mes de xaneiro aprobouse por unanimidade no Pleno de Gondomar solicitar da Axencia Galega de Infraestruturas prorrogar por dous meses o prazo de exposición pública do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020: Mellora da seguridade viaria na contorna de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, p.q. 11+200 a 14+600, de clave PO/17/137.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.

Segundo informa nun comunicado Gondomar Concello Aberto, a resposta da Xunta xa está en mans da administración municipal e denega a ampliación do prazo.

“Diante desta negativa e da evidencia que este Plan de seguridade viaria está feito sen coñecer o territorio sobre o que se actúa e está feito cunha concepción que prioriza a entrada e saída dos vehículos na parroquia de Vincios en vez de integrar este tramo como un tramo urbano urbanizado con limitacións de velocidade, pasos de peóns, rede semafórica e beirarrúas. É dicir, faise un Vincios para os coches en vez de un Vincios para a xente”, afirma Pauliño del Río.

Para o voceiro de CABE, trátase dun plan tan disparatado que impediría o paso de autobuses escolares e outros vehículos polo estrada que vai a Chandebrito, tanto cara a Gondomar polo valado e o peralte da estrada como cando se suba, xa que estaría prohibido xirar á esquerda. Este plan tamén impediría a entrada e saída de material ao aserradoiro, co que esta empresa tería que pechar a súa actividade, por poñer só dous exemplos e non reiterar os casos coñecidos e postos enriba da mesa por distintos colectivos (prohibir todos os xiros á esquerda, dificultar a entrada e saída ao Centro Veciñal de Vincios, Escola de Música, CEIP Serra Vincios, torreiro…, eliminación de pasos de peóns, ou a creación de raquetas de xiro que crearían máis problemas que os actuais, etc).

Gondomar Concello Aberto recorda que é unha estrada pola que circulan entre 10.000 e 15.000 vehículos diarios, o que indica tamén a importancia de apostar por un transporte público que sexa eficaz para comunicar o Val Miñor con Vigo ou coa Universidade e que hai que seguir reivindicando, e que sacaría unha parte importante dos vehículos que circulan por esta vía.

Tendo en conta, ademais, a entrevista mantida polo alcalde co Director Xeral da Axencia Galega de Infraestruturas, o Delegado da Xunta e técnicos da Xunta, é polo que o Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto levará ao Pleno ordinario do mes de febreiro, a celebrar este xoves, día 15 ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío, unha moción coa seguinte proposta de Acordo:

O Pleno da Corporación Municipal de Gondomar insta á Xunta de Galicia:

Á retirada do actual Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2016-2020: Mellora da seguridade viaria na contorna de treitos de concentración de accidentes na estrada PO-331, p.q. 11+200 a 14+600, de clave PO/17/137.06.

Que a Axencia Galega de Infraestruturas ou organismo competente da Xunta de Galicia elabore outro documento que presentará ao Concello e aos distintos colectivos veciñais da parroquia de Vincios para o seu consenso.

Que este documento se someta a un novo período de exposición pública.

Anuncios