Anuncios
Ticker de novas

Almorzo saudable para os participantes no programa de prevención do deterioro cognitivo de Nigrán

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Os participantes no programa de prevención do deterioro cognitivo desfrutan dun almorzo saudable ofrecido por Terras do Miñor.

O Obradoiro de Emprego Terras do Miñor VI, promovido pola Mancomunidade de Concellos do Val Miñor e subvencionado con Fondos Europeos e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, serviu esta mañá un “Almorzo Saudable” aos participantes no programa de prevención do deterioro cognitivo do Concello de Nigrán, formado por preto de medio cento de maiores que asisten aos cursos de “estimulación da memoria” e “expresión corporal e actividades socio-relacionais” no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa.

Con estes almorzos elaborados e servidos polos 15 alumnos-traballadores do Obradoiro (sete de operacións básicas de cociña e oito de servizos de restaurante) preténdese colaborar na sensibilización da adquisición de hábitos máis saudables relacionados coa alimentación.

Mañá servirán a súa xa tradicional comida de San Valentín a 75 maiores de toda a comarca, sendo 25 deles de Nigrán. Esta iniciativa ten como obxectivo principal que os asistentes desfruten dunha velada de convivencia compartindo esta data en harmonía e compañía dalgúns veciños, ademais, serve para que os alumnos-traballadores elaboren un xantar e un cóctel de benvida e poñan en práctica os coñecementos que están adquirindo.

O Obradoiro, que comezou o día 29 de setembro, desenvólvese nas dependencias do CEE (Centro de Educación Especial) de Panxón e xa superou o ecuador do seu proxecto.

Anuncios