Anuncios
Ticker de novas

Castro e Ladeira denuncia que o Mercado de Sabarís “está a morrer”

FOTO: CASTRO E LADEIRA // O Mercado de Sabarís.

A Asociación de Veciños Castro e Ladeira de Sabarís volve denunciar o estado do tradicional Mercado dos luns de Sabarís. “Non entendemos o que está a ocorrer co mercado, cremos que dende o Concello non se potencia, e está a morrer”, apunta Martín Otero, presidente do colectivo.

“Sabemos que hai xente que quere poñerse e vender, e só reciben trabas e máis trabas do Concello”, refírese Martín ao endurecemento dos requisitos para por un posto. “Isto non pode seguir así, non dicimos que non se respecte a lei, pero sabemos que hai prazas baleiras e non as están a repoñer”.

A situación xa foi denunciada fai uns meses, pero o colectivo non tivo resposta. “Xa é a segunda vez que mostramos a nosa preocupación pero a concelleira Mari Carmen Paredes non fixo nada ao respecto. Invitámola a facer un percorrido polo mercado o luns, para ver senón lle cae a cara de vergoña coa cantidade de sitios baleiros que hai”. afirma Martín.

Por último, o presidente de Castro e Ladeira quixo deixar claro que “o mercado é un ben común, do que se benefician veciños, hostaleiros, comerciantes e Concello, xa que cantos más postos máis se recada de impostos, polo que non entendemos esa neglixencia”.

Anuncios