Anuncios
Ticker de novas

Rodal marca o 28 de febreiro como límite para anunciar a decisión sobre o proxecto do campo de golf

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Veciños de Baredo no Pleno de Baiona.

Por terceiro pleno consecutivo, o Grupo Municipal Socialista de Baiona esixiu este xoves a inmediata paralización do Plan Especial de Dotacións de Infraestruturas As Costeiras (PE-4) e a súa eliminación do PXOM mediante modificación parcial do artigo 269.

Un numeroso grupo de veciños de Baredo acudiron á sesión vestindo camisetas e portando carteis cos lemas “Non ó campo de golf”, “Retirada xa do Plan Especial As Costeiras” ou “Campo de golf en Baredo non”. Ademais, antes da sesión reclamaron ao alcalde mediante solicitude a través do Rexistro Municipal que aclare canto antes a decisión do goberno respecto da paralización ou non do proxecto.

“Dixen que se contestaría en dous meses e medio, ese día foi o 13 de decembro e os dous meses e medio finalizan o 28 deste mes”, respondeu o alcalde ao rogo formulado polo portavoz socialista. Rodal asegurou que os veciños serán convocados a unha reunión “en canto sáibao”.

O Plan Especial de As Costeiras está a suscitar un movemento social e veciñal como non se viviu en anos en Baiona. Contempla un campo de golf de 18 foxos acompañado de club hípico, pistas de tenis e pádel, campos de fútbol sala, balonvolea, baloncesto, balonmán, piscina, club social, cafetería, pista de rodeo, anfiteatro, curro e zona de deportes aéreos nunha área de case 70 hectáreas, cun valor total que supera os 14 millóns de euros.

PLENO BAIONA

Anuncios