Anuncios
Ticker de novas

O PP denuncia a desaparición dos equipos de megafonía no Pavillón de Panxón

O Grupo Municipal do Partido Popular mostra a súa indignación pola desaparición de material municipal no Pavillón de Panxón. Aseguran os concelleiros populares que outra nova mostra do pasotismo e despreocupación polos bens municipais do actual Equipo de Goberno, é a recente desaparición durante as obras de remodelación do Pavillón Municipal dos equipos de megafonía e música que se utilizaban nas actividades e eventos realizados no mesmo. “O custo de adquisición destes equipos foi de varios miles de euros. Agora mesmo non existe este tipo de servizo no Pavillón, ao non repoñerse, co custo que isto supoñerá ás arcas municipais. Segundo o alcalde manifesta o servizo actualmente realízase cun radiocassette”, aseguran desde o PP.

Todos os grupos da oposición, sen fisuras, solicitaron do alcalde que abrise unha investigación sobre o sucedido e depurásense as responsabilidades oportunas no caso de que as houbese.

“A dsaparición presuntamente produciuse no tempo da realización das obras no Pavillón Municipal probablemente por non desaloxar este previamente do material municipal sensible existente no mesmo. Obras que por certo segundo referiu o alcalde no Pleno e pode ser escoitado na gravación do mesmo, aínda non foron entregadas formalmente pola empresa construtora e por tanto non foron recibidas polo Concello, a pesar de levar xa varios meses realizando actividades deportivas e lúdicas co que isto legalmente e para a seguridade pode supoñer”, advirten os populares.

“Ao parecer é costume de cada goberno municipal socialista en Nigrán ter o seu Poltergeist, pois no mandato socialista anterior, en que foi Alcalde o Sr. Juanes, a desaparición tivo lugar no Centro Antena e consistiu na desaparición de equipamento audiovisual, outrora utilizado na televisión local de Nigrán, do que o actual alcalde é perfectamente coñecedor”, conclúen desde o PP.

Anuncios