Anuncios
Ticker de novas

O PP de Nigrán asegura que o alcalde dá por feito que non se aprobará o PXOM neste mandato

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Grupo Municipal do PP de Nigrán nunha sesión plenaria.

O Grupo Municipal do PP de Nigrán asegura un comunicado que o alcalde socialista dá por feito que o PXOM non se aprobará durante este mandato. Estaba a tratarse o punto da orde do día, durante o último pleno do mes de xaneiro, correspondente á moción de UCN sobre a actualización do inventario de viarios municipais públicos, para a que se marcou como data límite de realización deste traballo o día 31 de outubro do 2018.

Durante o debate, o alcalde en representación do seu grupo manifestou que estaba de acordo con actualizar devandito inventario, pero despois de recibir información dos técnicos municipais de Urbanismo, vía moi difícil o poder cumprir esta data do 31 de outubro.

“Non se daba conta de que el mesmo caía na rede, ao ser facilmente deducible que se o Inventario de Viarios públicos é difícil que estea para esa data, sendo este instrumento imprescindible á hora de que os técnicos poidan cualificar terreos, deu por practicamente asegurado que antes do fin do mandato non se aprobará o PXOM de Nigrán”, afirman os populares.

“Xa viñamos comentando todos os grupos da oposición e, en concreto no noso, que nos viñan chegando informacións de que dentro do PSOE en Nigrán non vían conveniente politicamente aprobar o PXOM no último ano de mandato, porque moitos compromisos adquiridos en campaña electoral non podían verse cumpridos e iso provocaría unha diminución importante de votos ao PSOE nas eleccións municipais do 2019”, engaden desde o PP.

Os populares non teñen dúbidas de que, dentro de poucas datas, utilizarase a cesión do contrato da redacción do PXOM como o obstáculo insalvable para poder aprobar neste mandato o documento, “cando segundo fontes técnicas municipais, se existise interese en aprobalo a cesión xa podería estar realizada e a aprobación provisional próxima a concretarse”.

O PP lembra que todas as enerxías municipais centráronse nas últimas datas en actualizar a parte técnico-legal das Normas Subsidiarias do ano 1991, actualmente en trámite a través da Modificación Singular N 25, cando por outra banda é de coñecemento público que xa a Xunta de Galicia no próximo verán ten pensado aprobar unha Norma Común (Plan Básico Autonómico) para toda Galicia, que permita adaptar as normas municipais dos municipios sen PXOM aprobado á Lei do Solo de Galicia do 2016.

Anuncios