Anuncios
Ticker de novas

Gondomar quere acoller dous tramos do Rally Rías Baixas

A Escuadra Rías Baixas decidiu en 2016 poñer punto e final á celebración do Rallye Rías Baixas despois de 51 edicións. Fernando Mouriño e o seu equipo arroxaron a toalla ante a previsión de non poder reunir o diñeiro necesario para organizar con garantías e sen endebedarse a que estaba considerada como unha das mellores probas do Campionato de España de Rallyes de Asfalto.

Este ano o evento regresa da man de Recalvi, os próximos 12 e 13 de maio, como terceira proba do Campionato Galego, tras os Rallys da Coruña (24 e 25 de febreiro) e Noia (14 e 15 de abril).

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, reuniuse con Fernando Mouriño a principios de 2018 para tenderlle a man e animarlle a recuperar o “mítico e memorable Rally Rías Baixas”. Segundo o rexedor, a Vila Condal contaría con dous tramos cronometrados e co parque de reagrupamento no centro urbano.

“O noso concello é un referente xa no mundo das dúas rodas, agora queremos selo no das de catro. O Rías Baixas está no ADN de todos nós, crecemos, vimos e esperabamos ansiosamente todo un ano para ver correr eses soportais, alpines, maxi tubo, ou a pilotos como Beni Fernández, Culebras, etc.”, sinala Ferreira.

“É unha proba deportiva moi arraigada a todos nós e á nosa terra, ademais dun reclamo turístico, gastronómico e revitalizador de toda a provincia. Unha proba que non debemos deixar no esquecemento”, conclúe o alcalde de Gondomar.

Anuncios