O Obradoiro de Emprego Terras do Miñor ofrece un almorzo saudable aos escolares da comarca

Dentro das actividades previstas no Obradoiro de Emprego Terras do Miñor VI, promovido pola Mancomunidade de Concellos do Val Miñor e subvencionado con Fondos Europeos e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, está a realización de Almorzos Saudables. Este martes e o xoves acollen a nenos dos colexios públicos dos tres concellos, Baiona, Gondomar e Nigrán.
Con estes almorzos elaborados e servidos polos 15 alumnos-traballadores do Obradoiro (sete de operacións básicas de cociña e oito de servizos de restaurante), preténdese colaborar na sensibilización da adquisición de hábitos máis saudables relacionados coa alimentación.

Un centenar de escolares pertencentes ao CEP de Sabarís, ao CEIP Souto Donas e o CPI de Panxón recibiron nesta primeira xornada unha charla informativa da man da nutricionista Gloria Pérez e despois desfrutaron dun almorzo variado e saudable, que incluíu desde froita, zumes ou iogures ata biscoitos ou embutidos.

O Obradoiro, que comezou o día 29 de setembro, desenvólvese nas dependencias do CEE (Centro de Educación Especial) de Panxón e xa superou o ecuador do seu proxecto.

O Presidente da Mancomunidade do Val Miñor e Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, mostra o seu agradecemento pola implicación neste tipo de proxectos á Directora do Obradoiro, Marita Pintos, ao persoal docente, ao alumnado, á Concelleira de Deportes Nuria Lameiro e á Concelleira de Educación Iria Lamas, aos concelleiros de Nigrán e ao Alcalde de Baiona.

A directora Marita Pintos manifestou a súa satisfacción pola marcha da actividade. O comedor social segue funcionando, está previsto ademais de almorzos con nenos e adultos unha comida de San Valentín cos maiores do Val Miñor e xornadas de portas abertas, con colexios de educación especial, e outra moi importante, co empresariado da zona, co obxectivo de dar a coñecer aos novos profesionais formados cara á súa contratación.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.