O Club Ciclista Rías Baixas refórzase co balear Jaume Bonnin

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // Jaume Bonnin.

A menos de tres semanas para o inicio da Copa de España Elite e Sub23, o Club Ciclista Rías Baixas fíxose cos servizos dun corredor que o ano pasado pisou o podio dunha das probas puntuables para o certame estatal. O balear Jaume Bonnin, terceiro clasificado no Memorial Pascual Momparler 2017, incorporouse á disciplina da entidade presidida por José Luis Chamorro. Procedente do Benicàssin Me Gusta, convértese na undécima fichaxe do conxunto do Val Miñor para o seu novo proxecto.

Aos seus 23 anos, o ciclista nado na localidade mallorquina de Artà presenta un destacado palmarés no campo amateur. Proclamouse en tres ocasiones campión balear sub23 de contrarreloxo individual, unha modalidade na que a pasada campaña obtivo a oitava praza no Campionato de España Elite.

O 2017 foi o seu mellor ano e ademais do podio asinado na Copa de España, tamén subiu ao caixón como segundo clasificado na xeral final da Challenge da Comunidade Valenciana e como terceiro en GP Odena e na Rolda do Maestrazgo.

“Considérome un corredor bastante completo, todoterreo e loitador. Gústame meterme en fugas e non me defendo mal na montaña cos escaladores”, afirma Bonnin, que antes de recalar no Benicàssim pertencera ao Atika Safirfruits e ao Team Compak.

Os principais obxectivos do mallorquino esta campaña serán “buscar algún bo resultado na Copa de España e na xeral dalgunha volta. A nivel colectivo pretendo axudar en todo o que poida aos meus compañeiros, achegando a miña experiencia no pelotón amateur”.

Bonnin púxose ás ordes do seu novo director deportivo Iván Rodríguez durante a concentración que o Club Ciclista Rías Baixas realizou na provincia de Pontevedra. O equipo miñorano apura os seus adestramentos de pretempada de fronte ao arranque da Copa de España o próximo 25 de febreiro coa disputa do Circuíto Guadiana.