Estudantes de Comunicación Audiovisual estrean unha “road movie” ambientada no Val Miñor

FOTO: UVIGO // Un intre da rodaxe.

Unai e Gabi son dous amigos que emprenden unha viaxe inesperada en furgoneta polas estradas do Val Miñor, onde se atroparán con persoas que cambiarán as súas perspectivas e lles axudarán a superar os seus propios conflitos. Deste xeito preséntase “Van”, unha curtametraxe de xénero dramático que “bebe directamente do estilo clásico das road movies” e que foi realizada por un grupo de 14 estudantes do grao en Comunicación Audiovisual. Resultado do taller Celanova, plató de ficción, que no marco do Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC) busca achegar ao alumnado a unha experiencia de rodaxe profesional, a curta dirixida por Claudia Alonso e Cristina Burgos estréase o vindeiro venres 9 ás 20.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

O propósito deste taller, promovido pola Vicerreitoría do campus de Ourense e a Fundación Carlos Casares, é como sinala o seu coordinador, o profesor Paulino Pérez, “replicar unha rodaxe profesional”, na que o alumnado de CCSS e da Comunicación asume as diferentes facetas do equipo técnico mentres que estudantes da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo conforman o equipo artístico, neste caso xunto co actor polaco Michal Kamak. “Sempre buscamos que o taller teña unha complexidade técnica e neste caso apostamos por unha road movie, porque isto implica que non hai un set de rodaxe, o set é a furgoneta”, salienta Pérez, produtor executivo de Van dun proxecto no que o alumnado tivo que facer fronte a seis días de rodaxe “itinerante” en diferentes localizacións de Nigrán, Baiona, Tomiño e Oia. Esta rodaxe en exteriores, engade, “fai máis complicado a xestión dos recursos técnicos e humanos”, así como o labor previo de busca de localizacións “que tiveran unha forza expresiva ou dramática dentro do relato” dunha “viaxe real que supón tamén unha viaxe interior”, ao que á vez se suma a dificultade engadida da meteoroloxía. Así mesmo, o equipo rodou por primeira vez en 4K, un formato de “ultra alta definición”, grazas á colaboración de GMProvideo, nun taller que contou tamén co apoio da Agadic, da Deputación de Ourense e do Concello de Nigrán.

O resultado final poderá verse por primeira vez o vindeiro venres 9 de febreiro, nunha estrea aberta ao público ata completar aforo, complementada pola proxección do making off dun proxecto que reuniu a 14 estudantes de Comunicación Audiovisual e dous de Publicidade e RRPP, no a corrección de cor foi realizada polo titulado Alfonso Merino e a banda sonora orixinal polo estudante Daniel Cornes.

Un “antes e un despois” na formación do alumnado

Como unha road movie que “non busca afastarnos da nosa contorna para vivir unha experiencia de viaxe, senón que valora o que temos o noso redor e que de costume esquecemos ir coñecer” presenta Van Cristina Burgos, que dirixiu xunto con Claudia Alonso unha curtametraxe que parte do guión desta última. “Creo que en todo este ano non paramos de aprender unha das outra, tomar decisións xuntas non sempre é sinxelo pero ás veces hai que aprender a escoitar a outra e isto faite crecer moito como profesional e persoa”, salienta Burgos desde traballo conxunto na dirección nun proxecto que, recoñece, “marcou un antes e un despois na miña vida”.

Tamén salienta como moi positiva a experiencia que supuxo este taller Cecilia Gil, produtora xunto con Laura Pena dunha curta que presenta como “unha experiencia visual, paisaxística e tamén sentimental”, da que destaca a mensaxe final de que “ás veces, é necesario desvincularnos das nosas responsabilidades de futuro e gozar do presente”. Como unha produción “realmente moi complexa” dado ese predominio de localizacións exteriores e o feito de “estar en continuo movemento para poder rodar”, recorda esta alumna o seu traballo nun proxecto que, engade, “para a miña formación supuxo un antes e un despois, nos hábitos de traballo, nas rutinas, e sobre todo, en aprender a respectar e valorar o traballo de cada un dos membros do equipo”.

A primeira rodaxe fóra de Celanova

Ao abeiro do CeMAC, o taller Celanova, plató de ficción, que se desenvolve desde o ano 2010, tras unha experiencia piloto en 2007, sitúa cada ano ao alumnado ante o reto da “produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado”, explica Pérez. Del saíron proxectos como as webseries Fame, Interfecto ou Prevenidos ou a mediametraxe Vento Ferido, todas elas rodadas en diferentes localizacións de Celanova, municipio do que este taller saíu en 2017 por primeira vez para facer esta road movie que inclúe tamén unha pequena lembranza da figura de Casares “a través dun personaxe sueco que fala galego”, adianta Pérez.