UCN considera insuficientes as explicacións do alcalde por non render contas en 2016

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O partido Independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, considera insuficientes as explicacións dadas polo alcalde Juan González ante o posible bloqueo de todas as subvencións da Xunta como consecuencia da falta de rendición ante o Consello de Contas da Conta Xeral correspondente ao exercicio económico 2016 (remitida ao parecer o luns), xa que non pode esconderse detrás dun simple “problema administrativo” para eludir a súa propia responsabilidade, ante un problema que pode ter graves prexuízos para os veciños, se finalmente a Xunta non concede subvencións para a creación de emprego (contratación de persoal para roza de vías públicas), axudas para o plan concertado de dependencia e servizos sociais, para o Centro de Información da Muller (CIM), para atencións á mocidade, turismo etc. etc.

Lembra UCN que os veciños se merecen ser informados das verdadeiras razóns que provocaron o problema e que solucións adoptáronse para evitar que no futuro volvan repetirse, “chegando mesmo a depurar posibles responsabilidades, alcanzando igualmente ao propio alcalde como principal responsable no correcto funcionamento dos servizos e dependencias municipais, feito demostrativo dunha falta de eficacia e eficiencia no funcionamento do Concello, así como dubidosa transparencia na xestión do equipo de goberno”.

UCN lamenta que o atraso na aprobación da liquidación do orzamento de 2016 levado a cabo o 11/08/17, impediu poder realizar investimentos por máis de 3 millóns de euros no pasado exercicio e con cargo ao Remanente de Tesourería, dado que era materialmente imposible levar a cabo os expedientes de contratación, a escasos tres meses de que finalizase o exercicio -tal como recoñeceu o alcalde-, privando aos cidadáns de obras de infraestruturas básicas en saneamentos e abastecementos, necesarias para a mellora do seu benestar.

Fernández Comesaña chama a atención sobre a posible existencia dun problema de maiores consecuencias no deficiente funcionamento do departamento económico, polo que chove sobre mollado, xa que están bloqueadas iniciativas aprobadas polo Pleno -mesmo desde fai máis dun ano-, como son entre outros, a elaboración da ordenanza Fiscal Reguladora da Taxa pola utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local de transporte de enerxía eléctrica, gas, auga e hidrocarburos; liquidación á concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento Agualia, pola taxa de ocupación do dominio público local do chan (como consecuencia de sentenza xudicial), “expedientes que poden supoñer considerables ingresos para as arcas municipais en tributos que para nada afectarán o peto dos cidadáns, máis ben todo o contrario, que quizá posibilite a redución de impostos municipais, pero con todo nada se sabe, e o que é peor, ao alcalde Juan González, parece non importarlle”, conclúe o portavoz independente.